REDACCIÓN | O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou hoxe, ás 11.30 horas, o “Mercado para a Medieval” instalado esta fin de semana na Praza de Abastos para potenciar e promocionar a Feira Medieval que celebrará a súa vixésimo segunda edición durante a fin de semana da Semana Santa, os días 4 e 5 de abril, e para a cal se agarda unha importante afluencia de público. Como é tradición, no acto de apertura deste mercado, o rexedor deu a coñecer o Programa completo da XXII Feira Medieval. Nesta presentación estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada; os Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Comercio, Regina López.
Antes de dar a coñecer os detalles da programación da Feira, o Alcalde recordou que ao longo do mes de marzo se presentaron o vídeo promocional do evento e o cartel oficial e destacou a implicación do Equipo de Goberno na complexa organización do evento, así como o importante esforzo económico que leva facendo desde que chegou á Alcaldía no 2015: “Isto demóstrase no orzamento, que ascende a algo máis de 110.000 euros, o mais alto da historia deste Concello, e máis dun 160% superior ao que se destinaba cando chegamos ao Goberno”, concretamente 41.000 euros na edición celebrada en 2015, uns meses antes da chegada de José Tomé a Alcaldía.
O resultado desta implicación e deste compromiso, engadiu, “é indiscutible, xa que a día de hoxe temos unha Feira Medieval que é un referente no calendario festivo de Galicia. Una Feira que medrou nestes últimos anos en todos os sentidos: En implicación da veciñanza de Monforte, en visitantes, en programación, en público que asiste aos diferentes espectáculos e tamén en superficie, xa que os espazos polos que se espallan as diferentes actividades da Feira e o Mercado tamén medraron”, apuntou.
Programa da XXII Feira Medieval
Na presentación do programa, o Alcalde destacou que será una edición “moi completa e cargada de animación que invadirá as rúas con música medieval, bufóns, trobadores e personaxes fantásticos durante os 2 días da feira. Grazas a ambientación e decoración de balcóns e fachadas, o Medievo sentirase en todo o centro urbano e o Conxunto Histórico, con varios espazos clave:
.- PRAZA DE ESPAÑA: Base do Campamento Medieval, que é un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas, obradoiros e prácticas militares a cargo dos Cabaleiros do Ulver. Neste punto desenvolveranse algúns dos espectáculos máis vistosos da Feira, como o da inauguración, o sábado 4 ás 12.00 horas, coa salva de artillería dunha bombarda do século XIV, alborada de lume e acrobacias en teas aéreas. Este espectáculo terá lugar xusto despois do Saúdo do Alcalde que dará comezo aos festexos.
Desde a Praza de España sairá o sábado e o domingo ás 20.00 horas outro dos protagonistas desta edición, o GRAN DRAGÓN, inspirado nas lendas medievais da mitoloxía europea, que desfilará polas rúas da Feira acompañado polo grupo de músicos Turdión. Ás 20.30 horas do sábado partirá desta praza o pasarrúas ERRANTES con seres saídos da escuridade dos tempos; e ás 20.45 horas ofrecerá un concerto musical o grupo Turdión.
A Praza será escenario o domingo, ás 19.00 horas, da entrega de premios dos diferentes concursos convocados polo Concello para incentivar a participación na Feira.
.- PRAZA DE SAN ANTONIO. Lugar escollido para a exposición de aves de rapina. Este ano, debido á gripe aviar, non están permitidas as demostracións de voo, tal e como comunicou por escrito a Xunta de Galicia. Esta Praza acollerá tamén o espectáculo VULCANO, que dará o peche á Feira, o domingo ás 21.00 horas, con lume e danza.
.- PRAZA DAS CLARISAS: Campamento infantil medieval con xogos e atraccións para os máis pequenos. • ADRO DA RÉGOA: Neste punto, ao pe do conxunto monumental de San Vicente, poderán facerse prácticas de tiro con arco e haberá postos de gastronomía para desfrutar dunha experiencia completa na Feira.
.- CAMPO DE TERRA DOS ESCOLAPIOS: Onde se disputarán as Xustas Medievais, con torneos e exhibicións de combate o sábado e o domingo, ás 18.00h. Este espectáculo, a cargo de “Hípica Celta”, é unha das grandes atraccións da Feira, sobre todo para o público novo.
.- PRAZA LUIS DE GÓNGORA, en San Vicente. Espazo protagonista da noite do sábado. Ás 21.00 horas subirá desde a Praza de España un pasarrúas con tambores, bufóns e trobadores medievais para asistir a dous dos espectáculos máis vistosos da Feira: DENDE ARRIBA, con acrobacias en teas aéreas de gran formato, seguido da tirada de fogos, e SOLTA DE FAROLIÑOS de papel que se repartirán entre os asistentes para encher de luz o ceo de Monforte.
140 postos de venda no Mercado Medieval
Espallado polas rúas do conxunto histórico e a Praza de San Antonio, o Mercado Medieval é un elemento fundamental da Feira. Este ano contará con 140 postos de venda dos cales 35 son paradas gastronómicas e venda de produtos alimentarios, 80 corresponden a artesáns con certificado de artesanía e os 35 restantes son de comercio diverso: fotografía, caricaturas, xabóns e cosmética artesanal, xoguetes, xoiería e bixutería, traxes medievais, complementos e coroas...
Ambientación e concursos
José Tomé quixo destacar na presentación o “gran tamaño e gran complexidade” da Feira no que se refire á organización e ao coidado de todos os detalles, mencionando a decoración polas rúas e espazos emblemáticos como a Ponte Vella, a Torre da Homenaxe e os pendóns que decorarán o Concello na Praza de San Antonio. Para a ornamentación contouse, como en anos anteriores, coa Asociación de Artesáns de Monforte.
Así mesmo, na ambientación do Monforte Medieval teñen moito que ver os diferentes concursos convocados polo Concello para incentivar a participación e ornamentación. Son tres certames: Traxes medievais, Decoración de balcóns e Decoración de establecementos comerciais e hostaleiros. A resolución do xurado e entrega dos premios celebrarase o domingo ás 19.00 horas na Praza de España. Neste senso, o Alcalde animou aos establecementos de Monforte, tanto do comercio como da hostalería, a decorar os seus negocios e a vestimenta medieval durante os días da Feira para realzar este evento.
Mercado para a Medieval, este fin de semana na Praza de Abastos
Trala presentación do Programa completo da XXII Feira Medieval, o Alcalde e outros membros do Equipo de Goberno visitaron o Mercado para a Medieval que estará aberto hoxe e mañá na Praza de Abastos, con 12 postos de venta con produtos especializados no medievo: traxes confeccionados artesanalmente tanto para adultos como para público infantil, bixutería, complementos, servizos de perruquería e maquillaxe, gastronomía, repostería e decoración. Todo elo permitirá aos monfortinos e monfortinas, así como ás persoas visitantes, adquirir os produtos necesarios para ambientar e lucir as mellores galas nesta nova edición da Feira Medieval.
O Mercado conta tamén cun espazo dedicado á decoración e ambientación para hostalería e restauración coa presentación de diferentes propostas de decoración de terrazas e comedores, con diferentes estilos, formatos de mesa e vaixelas. Un dos momentos destacados do programa é o “Desfile de Traxes Medievais e Complementos”, que terá lugar na tarde deste sábado, ás 18.30 horas, no exterior do Mercado da Praza de Abastos, na rúa Bailén.
E como en edicións anteriores, convócase o concurso de repostería e pastelaría “A polo mellor doce”, no que os visitantes poderán votar polo seu doce favorito en tres categorías: tradicional, innovador e creativo. A entrega de premios será mañá domingo 22, ás 13.00 horas, no propio recinto do Mercado. Tralo acto farase un sorteo entre as persoas que participaron na votación.
O Alcalde, José Tomé, anima aos monfortinos e monfortinas e visitantes a visitar este Mercado para ultimar os preparativos da Feira e coller ideas que “axudarán a mellorar aínda máis a recreación histórica e que todos nos impliquemos na Feira”.
Expositores Mercado para a Medieval 2026
.- Eventos: Cosa de Dos Eventos
.- Traxes medievais: Telas Merce, Gnomos, Maite Maya e Coser Cosiendo
.- Peiteados e maquillaxes: Yola
.- Tocados e coroas de flores: Lara Vázquez by Yola Peluquería y Estética
.- Bisutería Swarovski: Bisutetoka
.- Calzados e complementos: Calzados Aira
.- Bolsos e complementos: Chuladas y Más
.- Artesanía en coiro: Cuir and Telas
.- Cosmética natural: Lembranzasdapel
Os horarios do Mercado para a Medieval
.- Sábado, 21 de marzo: de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.
.- Domingo, 22 de marzo: de 11.00 a 14.00 horas y de 17.00 a 20.00 horas.