El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

RECEPCIÓN AO HC DEPORTIVO LICEO

A Deputación recibe ao Liceo tras gañar a Copa do Rei e anima ao equipo a "culminar o dobrete coa OK Liga"

23-03-2026 17:54:41
O HC Deportivo Liceo.

REDACCIÓN |  A Deputación da Coruña recibiu hoxe ao Deportivo Liceo tras proclamarse campión da Copa do Rei de hóckey a patíns, nun acto institucional no que o presidente provincial, Valentín González Formoso, trasladou ao equipo “o orgullo de toda unha provincia” polo novo éxito acadado. 

O conxunto coruñés conquistou onte en Sant Sadurní d’Anoia a súa undécima Copa do Rei ao vencer ao Calafell por 1-4, un triunfo que reforza a súa condición de referente do hóckey estatal. 

Durante a recepción, na que participou tamén o deputado de Deportes, Antonio Leira, Formoso destacou o carácter colectivo da vitoria e o nivel competitivo dun equipo unido, sólido, que sabe competir e que nunca se rende”, afirmou. 

O presidente puxo en valor a dimensión histórica do club, que con este título suma xa 44 trofeos oficiais. “O Liceo é o equipo máis laureado de Galicia e un símbolo do mellor deporte que se fai neste país”, sinalou, subliñando que o club “segue facendo historia cada tempada”. 

Formoso tamén destacou o gran momento deportivo do equipo, líder da OK Liga a falta de poucas xornadas para o final, e apuntou á posibilidade de culminar unha campaña histórica. “Coa Copa do Rei xa na Coruña, é inevitable soñar co dobrete. Non é doado, pero este equipo demostra cada semana que pode aspirar a todo”, indicou. 

Ademais dos éxitos deportivos, o presidente provincial salientou o papel do Liceo como referente social. “Sodes un exemplo para moitas xeracións, dentro e fóra das pistas”, afirmou. 

O Deportivo Liceo consolida así unha traxectoria de referencia no hóckey a patíns, cun palmarés no que destacan seis Copas de Europa, cinco Copas Intercontinentais, oito OK Ligas e once Copas do Rei.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias