REDACCIÓN | A Deputación da Coruña celebrou hoxe no Teatro Colón unha gala institucional de homenaxe ao grupo teatral Tespis, nun acto que reuniu a profesionais do sector e persoas vinculadas á histórica compañía para recoñecer a súa traxectoria e a súa contribución á renovación das artes escénicas en Galiza. Durante a súa intervención, a deputada de Cultura, Natividade González, salientou o carácter «colectivo e transformador» da experiencia de Tespis e definiuna como «unha traxectoria colectiva que deixou pegada na nosa cultura», subliñando que a compañía foi «un lugar onde compartir, onde construír comunidade».
A deputada puxo en valor tamén o papel do teatro como ferramenta social e cultural, ao afirmar que «é unha arte escénica capaz de emocionarnos, de achegarnos, de ilusionarnos», así como «unha ferramenta que xera aprendizaxe, que estimula as nosas miradas e que deixa pegada nas nosas vidas».
Nese sentido, González destacou o contexto no que xurdiu a compañía e reivindicou o seu papel como referente de compromiso cultural. Sinalou que Tespis foi exemplo de «valentía» nun tempo marcado pola censura, no que «reivindicar o teatro en galego naquela altura foi un acto de compromiso e de coraxe», e lembrou que a compañía apostou por propostas de vangarda e por dar voz a autores silenciados ou no exilio.
A responsábel de Cultura incidiu tamén no valor humano e emocional da práctica teatral, lembrando que para moitas persoas Tespis foi «un soño, unha profesión, unha experiencia vital», un espazo onde «foron familia… e onde tamén se fixeron familias». Así mesmo, agradeceu o traballo de recuperación da memoria desenvolvido arredor da compañía e puxo o acento na importancia de seguir reivindicando o teatro como unha arte viva.
A gala combinou intervencións institucionais e do sector teatral con proxeccións audiovisuais e música en directo, nunha posta en escena creada especificamente para a ocasión. Ao longo do acto, no que participaron preto de corenta persoas directamente vinculadas a Tespis, tamén se fixo memoria do papel da compañía na defensa do teatro en galego e na introdución de propostas escénicas innovadoras.
O investigador Francisco Oti Ríos, encargado da dirección artística da homenaxe, destacou a relevancia de que o recoñecemento tivese lugar no Teatro Colón e subliñou a conexión histórica da cidade coa actividade teatral. Así mesmo, lembrou a capacidade de Tespis para desafiar a censura e consolidar un proxecto artístico comprometido que contou co respaldo do público ao longo dos anos.
A gala serviu tamén para reivindicar o papel de Tespis na evolución do teatro galego contemporáneo. Fundada por José Redondo Santos e activa entre 1965 e 1984, a compañía destacou pola súa militancia cultural, pola aposta polo uso do galego nos escenarios e por funcionar como escola para novas xeracións de intérpretes, entre os que se atopan nomes destacados da escena galega. Ademais, no seu momento incluso chegou a ser considerada a compañía oficial da Deputación da Coruña.