REDACCIÓN | O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da segunda edición de Expomunicipal e na quinta de Enerxétika, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vilas; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Durante o acto, Diego Calvo destacou a importancia de celebrar desde hoxe ata o venres ambos eventos, que se consolidan como escaparate das solucións máis innovadoras dos servizos municipais e do sector enerxético. Nesta liña, incidiu na importancia de levar a cabo de maneira conxunta as dúas feiras, xa que ofrecen unha oportunidade única para que empresas, administracións e profesionais intercambien experiencias e aproveiten as sinerxías que comparten estes sectores en ámbitos como a eficiencia enerxética, un dos eixos fundamentais para avanzar cara concellos e empresas máis verdes, innovadoras e sostibles, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.
Desde hoxe ata o venres, 27 de marzo, o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle esta dobre cita que estes días converte á comunidade en referente a nivel peninsular na presentación de solucións tecnolóxicas e servizos avanzados tanto para o eido local como o enerxético. En conxunto, reunirán ata 475 firmas expositoras de 22 países representadas por 167 expositores directos nunha superficie de máis de 7.700 metros cadros e cun programa de actividades con máis de 70 conferencias incluídas nunha trintena xornadas e foros, así como unha gran área divulgativa con talleres e demostracións. Estas cifras supoñen que sexa o segundo maior evento profesional da Fundación Semana Verde de Galicia en expositores directos e firmas.
No que se refire a Expomunicipal, posta en marcha en 2024 con carácter bienal, o conselleiro de Presidencia destacou que continúa a súa evolución como un espazo orientado a achegar aos concellos galegos solucións innovadoras para a xestión municipal. Ademais da área expositiva, conta cun programa de xornadas dirixidas a profesionais da administración local, nas que se abordarán cuestións como a xestión de espazos públicos ou a prestación eficiente de servizos. Tamén explicou que a Xunta presentará mañá nunha xornada técnica novas liñas de axudas destinadas ás entidades locais e veciñais, entre elas, unha nova convocatoria dotada con 1 millón de euros para concellos de menos de 30.000 habitantes destinada á adquisición de maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais.
Nesta liña, Diego Calvo incidiu no compromiso da Xunta coas entidades locais, por exemplo, a través da colaboración o ano pasado en preto dun milleiro de proxectos a través das distintas liñas de apoio da Dirección Xeral de Administración Local. Ademais, a contía destinada aos concellos galegos este ano por parte do Goberno galego -engadiu- ascende a 670 millóns de euros, o que supón unha cifra histórica.
Neste sentido, destacou tamén o avance no anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia, coa que o Goberno galego pretende adaptar o marco normativo á realidade actual, modernizar a xestión das entidades locais, clarificar competencias, establecer un réxime específico de municipios do reto demográfico, impulsar novas fórmulas innovadoras de cooperación municipal e mellorar o sistema de financiamento local, pese a que é unha competencia estatal.
Por outra parte, no que se refire a Enerxétika, o conselleiro de Presidencia sinalou que se consolida como un certame de referencia para analizar a evolución do sector enerxético e os retos da transición enerxética. Así, incidiu na necesidade dunha transición enerxética xusta e planificada que permita desenvolver as enerxías renovables, fortalecer o tecido industrial e garantir custos enerxéticos competitivos.