REDACCIÓN | O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe os proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2026, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Na modalidade de literatura participarán Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’; mentres que na de pensamento estarán Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.
As residencias de música corresponderanlle O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).
Pola súa banda, na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais desenvolveranse os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘Tradi 2.6’, de Miguel Barbazán Lesta; ‘Reportando na Zona’, de Irene Rouco Táboas; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.
As residencias terán lugar en abril
As residencias desenvolveranse entre o 13 e o 24 de abril. No caso da música e da creación de contidos socioculturais en redes sociais, terán unha duración de seis días e organizaranse en dúas quendas: do 13 ao 18 e do 19 ao 24 de abril. Pola súa banda, as residencias de literatura e pensamento estenderanse durante doce días, ao longo de todo o período. As quendas concretas serán asignadas polas persoas comisarias das distintas áreas, en coordinación coas persoas responsábeis dos proxectos seleccionados, o Pazo de Mariñán e o Servizo de Cultura da Deputación da Coruña.
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca «a calidade das propostas seleccionadas e a diversidade de formatos e disciplinas que conflúen nesta nova edición das residencias», que practicamente duplica o número de proxectos participantes, pasando dos oito en 2025 aos quince deste ano.
«Para nós, como administración, é fundamental apoiar procesos de creación que precisan tempo, espazo e acompañamento, ofrecendo ás creadoras e creadores as condicións axeitadas para desenvolver os seus proxectos con garantías», sinala.