El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Economí­a

GALICIA | FEIRA EXPOMUNICIPAL

A Xunta apoiará aos concellos cunha nova liña de axudas destinada á adquisición de maquinaria para a prevención de incendios forestales

26-03-2026 17:49:07
Natalia Prieto (d).

REDACCIÓN | A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe nunha das xornadas técnicas da segunda edición de ExpoMunicipal 2026 para explicar as liñas de axudas da súa dirección xeral, entre elas unha nova orde de 1 millón de euros cofinanciada con fondos europeos Feder e dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes para a adquisición de vehículos e maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais. Como detallou, trátase de vehículos e maquinaria para mantemento e limpeza preventiva das contornas da rede viaria municipal, maquinaria forestal lixeira, así como a destinada a traballos complementarios das tarefas forestais de prevención. 

Na súa intervención, Natalia Prieto destacou ademais que este ano medrará a contía do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para proxectos de carácter estratéxico, ao pasar dos 8,5 millóns de euros a 10 millóns co obxectivo de dar resposta á demanda das entidades locais para levar a cabo actuacións de transcendencia supramunicipal que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente. 

A directora xeral de Administración Local sinalou que, entre as liñas de axudas previstas para este exercicio, inclúese o Fondo de Compensación Ambiental, cunha dotación de 11,2 millóns de euros para apoiar os concellos na mellora do medio natural a través de accións a prol da biodiversidade, o coñecemento dos recursos naturais, a recuperación da contorna ou a eficiencia enerxética. Tamén se publicará -engadiu- unha nova Orde de infraestruturas de uso público, cunha partida de 3,5 millóns de euros co obxectivo de axudar aos concellos a reformar os edificios, instalacións ou espazos da súa titularidade. A estas liñas súmase outra convocatoria para a contratación de auxiliares de Policía Local en municipios turísticos durante a tempada de verán, cunha dotación de 145.000 euros. 

Nesta liña, Natalia Prieto incidiu en que o compromiso da Xunta coas entidades locais acredítase cos case 600 proxectos financiados o ano pasado a través das axudas da Dirección Xeral de Administración Local coa distribución de máis de 37,5 millóns de euros. Ademais, aclarou a directora xeral, se se engade o apoio aos colectivos veciñais as actuacións financiadas en 2025 foron case un milleiro. De feito, a convocatoria deste exercicio desta orde para asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas xa vén de publicarse por 3 millóns de euros. 

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na inauguración da xornada técnica sobre os plans locais de economía social, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que se está estreando de xeito piloto en Baiona e Ribadavia. O obxectivo é acompañar os concellos na definición de estratexias locais adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas dotándoas de ferramentas e de asesoramento especializado para converter a economía social nun eixe estratéxico de desenvolvemento. Un desenvolvemento que, engadiu, favorece o emprendemento colectivo, a creación de emprego estable, a contratación responsable e o fortalecemento do tecido produtivo. 


ExpoMunicipal 2026 

Ambas as xornadas enmárcanse na segunda edición da Feira galega de servizos municipais, ExpoMunicipal 2026, que se está a celebrar desde onte e ata mañá no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda, coincidindo coa quinta edición de Enerxétika. 

O evento amosa nunha superficie de máis de 4.100 metros cadrados netos con 68 expositores de catro países que representan a 239 firmas expositoras de 18 países as últimas tecnoloxías, produtos e servizos máis eficientes que calquera entidade local poida necesitar para a súa xestión municipal e na prestación dos seus servizos. Tamén supón un un foro de reflexión e debate sobre temas de actualidade no ámbito da xestión municipal, a través dun amplo programa de xornadas, talleres e demostracións. Na xornada de hoxe, ademais destas dúas xornadas técnicas Cogami Empresarial aborda o papel dos hortos urbanos, a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) a xestión municipal de residuos e Zerovelutina o trampeo avanzado contra a vespa velutina. 

A programación complétase cos talleres Reencantarnos coa noite, organizados pola asociación Slowlight, no marco dun proxecto pedagóxico para concienciar aos nenos e nenas sobre a importancia do uso responsable da iluminación artificial nocturna, o que reflicte o compromiso da feira coa educación e a conciencia ecolóxica.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias