El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Bernardo Fernández: "Tras case 30 anos cunha lei obsoleta, agora preténdese realizar unha reforma a toda présa"

27-03-2026 13:45:57
Pleno da Deputación da Coruña.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña aprobou hoxe, no pleno ordinario de marzo, unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a retrotraer o procedemento de elaboración do Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia ao momento previo á súa aprobación polo Consello da Xunta, co obxectivo de garantir un proceso participativo real e efectivo co conxunto das entidades locais. A iniciativa foi aprobada por PSdeG, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular. 

A institución provincial reclama a apertura dun período real e efectivo de consultas e diálogo cos concellos e as deputacións provinciais, con prazos acordes á relevancia da norma, respectando a súa autonomía constitucional e asegurando que o texto final responda ás necesidades reais do municipalismo galego. 

O voceiro do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, explicou que “non é de recibo que unha Lei que afecta directamente aos concellos se elabore sen a participación dos concellos” e sinalou que os redactores “preferiron basearse na teoría académica que na práctica municipal real”. 

Fernández sinalou que “tivemos que esperar 30 anos para para cambiar a Lei de Administración de Galicia pero deron só 21 días para estudala e presentar propostas e alegacións. Os concellos non tiveron tempo a analizar, debater e formular alegacións a unha norma chamada nada máis e nada menos que a articular o funcionamento de toda a arquitectura municipal de Galicia. “Non se trata dun trámite calquera, é a norma cabeceira para os nosos concellos e esta propia Deputación”, sinalou o voceiro socialista. 

Fernández fixo fincapé en que “nin siquera houbo unha comunicación oficial por parte da Consellería competente cara ás entidades locais, senón que se limitou a un correo electrónico da FEGAMP”, algo que considerou “inaceptable”, polo que reivindicou “a autonomía constitucionalmente recoñecida das entidades locais”. 

“Tras case 30 anos cunha lei obsoleta, agora preténdese realizar unha reforma a toda présa e sen escoitar aos representantes lexítimos do municipalismo”, defendeu o voceiro socialista, quen asegurou que “a tramitación parlamentaria non pode substituír á participación local previa, xa que a pluralidade partidista e a peculiaridade territorial son moito máis ricas nas nosas entidades locais que no propio Parlamento de Galicia”. 

Bernardo Fernández afirmou que” a Lei carga aos concellos con competencias sen dotalas de financiamento” e pretende tamén impor ás deputacións como ten que repartir os fondos. “Os concellos teñen que ser parte fundamental na elaboración desta Lei. 

A portavoz do BNG, Avia Veira, sinalou que “os concellos non foron consultados de forma efectiva, é unha Lei pensada desde San caetano para controlar aos municipios, unha especie de tutela”, sinalou. A portavoz nacionalista incidiu en que “os concellos non son delegacións da Xunta e explicou que “de nada serve reformar as competencias municipais se non van acompañadas de financiamento”. 

O portavoz do PP, Evaristo Ben, sinalou que “os concellos poideron trasladar as súas consideracións sobre este tema”, pero “un anteproxecto de lei non se pode facer a 313 mans”. 

“A lei é froito dun proceso participativo amplo e rigoroso”, sinalou o deputado, que considerou que “21 días é un período de trámite maior do que se ofrece noutros trámites lexislativos” e dixo que “haberá unha segunda instancia de participación, que é a tramitación parlamentaria, na que se poderán tramitar emendas”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias