REDACCIÓN | A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, participaron hoxe na xornada Certificados de aforro enerxético no sector municipal, onde destacaron a súa importancia como ferramenta clave na transición enerxética e na modernización das administracións.
A xornada, organizada polo Inega, enmárcase na segunda edición de Expomunicipal e na quinta de Enerxétika que acolle desde onte ata hoxe o recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda.
Na clausura da actividade, Natalia Prieto, indicou que estes certificados supoñen “unha oportunidade importante para os concellos ao recoñecer e valorizar os aforros enerxéticos derivados de actuacións levadas a cabo con este obxectivo”. Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta co desenvolvemento de proxectos de mellora de eficiencia enerxética por parte das entidades locais.
Así, fixo referencia á orde de axudas cofinanciada con fondos europeos, dotada con 10,3 millóns de euros, que nas convocatorias 2024-2025 e 2025-2026 permitiu levar a cabo actuacións de mellora de eficiencia enerxética en máis dun cento de concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais, -engadiu- tamén se apoiaron nos últimos anos outros 182 proxectos de eficiencia enerxética cun investimento de 10 millóns de euros a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para municipios de menos de 15.000 habitantes, aos que se suman outros 22,4 millóns investidos en 2024 e 2025 no Fondo de Compensación Ambiental, destinado á protección do ambiente e do espazo natural.
Previamente, na inauguración da xornada, Pablo Fernández Vila indicou que os datos rexistrados na Comunidade galega desde a posta en marcha dos CAES “representan o compromiso do tecido galego con este novidoso sistema”. “Unha oportunidade crucial – engadiu- para acelerar a descarbonización e consolidar ás empresas nunha posición de liderado desde o punto de vista da sustentabilidade e da competitividade”.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas rematou a súa intervención facendo autocrítica. “Un dos retos máis importantes aos que temos que facer fronte no marco dos CAES é o de reforzar a implantación deste sistema dentro do sector público” – apuntou– ao tempo que comprometeu a implicación da Administración galega na posta en marcha de iniciativas neste senso.
Cómpre destacar que Expomunicipal 2026 acolleu hoxe tamén un encontro organizado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) coas entidades locais para explicarlles a preparación que está a recibir o alumnado da 18ª promoción de Policía Local que se forma na Academia. Desta promoción forman parte os aspirantes que superaron os procesos selectivos unitarios de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego.
Balance asistencia
As dúas feiras contaron desde o mércores cunha asistencia de case 4.900 persoas procedentes sobre todo de distintos puntos de España e Portugal, pero tamén de Italia e Francia. Nestes días, Expomunicipal 2026 e Enerxétika contaron coa participación de ata 475 firmas expositoras dunha vintena de países representadas por 167 expositores directos nunha superficie de máis de 7.700 metros cadrados netos coas últimas innovacións nos servizos municipais e no sector enerxético. Ademais, nos pavillóns habilitados no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda levouse a cabo o resto do programa de actividades con máis de 70 conferencias incluídas nunha trintena de xornadas e foros, así como un espazo de innovación, unha gran área divulgativa, talleres, demostracións de produtos e servizos e un circuíto de probas de vehículos sostibles.