El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación da Coruña presenta o ciclo de concertos "Marcial del Adalid. Piano a catro mans"

No bicentenario do seu nacemento.

30-03-2026 17:31:59
Natividade González (d)

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña presentou este luns o ciclo de concertos ‘Marcial del Adalid. Piano a 4 mans’, unha proposta impulsada pola Área de Cultura no marco do bicentenario do nacemento do compositor coruñés Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 – Oleiros, 1881). No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; o doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Javier Ares Espiño; e o catedrático de piano acompañante no mesmo centro, Jorge Briones Martínez.  

Durante a presentación, a deputada de Cultura, Natividade González, expresou a súa «satisfacción por presentar hoxe aquí o ciclo de concertos polo bicentenario de Marcial del Adalid, unha das figuras máis importantes da música galega no século XIX e un referente fundamental do noso rexurdimento cultural». Neste sentido, explicou que a iniciativa non só pretende render homenaxe á súa figura, senón tamén achegar a súa obra á cidadanía, poñendo en valor un legado musical que forma parte da identidade colectiva.  

Ademais, destacou que Adalid foi «un pioneiro na incorporación da música popular galega á creación da música culta, contribuíndo a definir unha voz propia dentro do panorama musical europeo da súa época». 


A música como diálogo e experiencia compartida 

Pola súa banda, Javier Ares Espiño cualificou o ciclo como «especialmente significativo, tanto polo seu contido artístico como polo seu valor cultural e patrimonial» e agradeceu á Deputación da Coruña «o seu apoio á cultura e especialmente a súa aposta por proxectos que teñen por obxectivo a recuperación e difusión do noso patrimonio musical». 

O catedrático fixo un repaso pola traxectoria de Marcial del Adalid e considerou o ciclo «unha oportunidade única para volver a ollada cara á súa obra, redescubrila e situala no lugar que merece», ao tempo que subliñou que «a súa música, especialmente a produción para piano, destaca pola riqueza expresiva, polo coidado da forma e por unha sensibilidade que segue a resultar sorprendentemente actual». 

Así mesmo, explicou que a proposta presentada «ten un enfoque moi concreto: ofrecerlle ao público a integral da música para piano a catro mans», un formato que historicamente foi «un espazo privilexiado para a socialización», polo que tamén representa «unha forma de entender a música como encontro, como diálogo e experiencia compartida». 


Abranguer o máximo territorio posíbel 

Pola súa banda, Jorge Briones destacou que «este proxecto forma parte dalgo moi especial para nós» e explicou que, por ese motivo, se procurou abranguer o máximo posíbel do territorio da provincia mediante a escolla de lugares representativos. 

Durante a súa intervención fixo un repaso polos espazos que percorrerá o ciclo: 10 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol; 27 de abril, ás 19:00 horas, no Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez; 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Igrexa de Santa María de Azogue de Betanzos; 13 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira; e 27 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo. O profesor e músico convidou a cidadanía a achegarse aos concertos, lembrando que a entrada será de balde até completar a cabida. 


Repertorio 

O repertorio do ciclo inclúe pezas como Andantino, Minuetto e Trio, a Marcha fúnebre Op. 3 e dúas sonatas completas para piano a catro mans, xunto con tres marchas —en do menor, mi maior e re menor—, configurando un programa que combina obras de carácter íntimo e expresivo con outras de maior brillantez e desenvolvemento formal, ofrecendo unha visión ampla e representativa desta parte esencial da produción de Adalid.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias