El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

MOSTRA DO ENCAIXE DEPUTACIÓN DA CORUÑA

En Semana Santa, o fío convértese en arte na XXXV Mostra do Encaixe Deputación da Coruña

01-04-2026 17:45:11
Arrinca a Mostra do Encaixe de Camariñas.

REDACCIÓN | Arrinca a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que se celebrará desde hoxe ao domingo e que co lema ‘Onde o fío se converte en arte’ busca destacar ao municipio como punto onde late con máis forza o corazón da artesanía en Galicia. 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a deputada provincial da comarca, Mónica Rodríguez; o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra. 

Sandra Insua iniciou o seu discurso facendo referencia a que unha data tan sinalada como o trixésimo quinto aniversario do evento “abre as súas portas nun contexto global que non podemos nin debemos ignorar”. “Vivimos tempos convulsos, rodeados dunha inestabilidade internacional que, aínda que pareza lonxana, aféctanos nas nosas vidas e no noso día a día. A escalada de tensión e a guerra contra Irán enchen os telexornais de dor e incerteza. Por iso, desde este humilde pero orgulloso recuncho do Atlántico, hoxe quero aproveitar este altofalante para exclamar un claro, rotundo e necesario: NON Á GUERRA”, exclamou. 

A rexedora tamén quixo facer un recoñecemento á xente do mar, que está a sufrir “unha época de inmensas dificultades para o sector. Os nosos mariñeiros viviron a angustia de non poder saír cos seus barcos á mar durante longos meses. E as nosas mariscadoras atópanse nunha loita titánica, pelexando para que a nosa ría volva dar os seus froitos, mentres sofren a inxustiza de quedar fóra das axudas anunciadas. Desde aquí, vaia para todas e todos eles o noso recoñecemento e o noso apoio incondicional. Sei de boa man que o palillo foi, é e será un sustento económico imprescindible para estas familias”.  

“Porque o que fan as nosas palilleiras é arte, técnica e futuro. E ese futuro xa está dando grandes froitos a nivel industrial. Hoxe podo anunciarvos con inmensa satisfacción que o Concello leva un ano traballando, man a man coas nosas palilleiras, nunha gran colaboración cunha multinacional téxtil coñecida por todas e todos. Un fito que demostra que o encaixe de Camariñas é vangarda absoluta e un motor económico real. Pronto poderemos contar máis desta alianza que nos fai moi felices e que volve a situar a un produto tan artesán como o encaixe no mapa internacional”, anunciou. 

Tamén recoñeceu que “nada disto sería posible sen o apoio constante da Deputación da Coruña, á que agradecemos o seu compromiso e confianza na nosa cultura ano tras ano”. 

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, comentou que “esta é unha cita que mellora ano a ano, consolidándose como un referente que leva a Camariñas cada vez máis lonxe” e fixo un recoñecemento de parte do “Goberno de España por todo canto estades a desenvolver aquí”. 

Pola súa parte, Mónica Rodríguez, indicou que “a Mostra do Encaixe de Camariñas é o evento cultural de referencia en Galicia cada Semana Santa” e lembrou que “hai seis anos que quixemos unir o nome da Deputación ao evento, amosando o noso firme compromiso con este”.  

Gabriel Alén destacou que “os e as artesáns que estades aquí, as palilleiras, desenvolvedes unha actividade que é cultura, tradición, moda e turismo. Sodes unhas extraordinarias embaixadoras de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras”. 

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presenciarán a pasarela inaugural da Mostra co desfile do ‘Pequencaixe’ e o dos ‘Grandes Deseñadores’ no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estarán amenizados pola música de Luar na Lubre. 


XXXV Mostra do Encaixe 

Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe: Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar. 

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas. Os artesáns chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais: Estilo Aramar, Mariví Santos, O Rulo, Risco Estudio, Encaixa_T, Mascarada O Cansorriño, Ana Trasariz, Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Tendataller Feituras – María Canedo, Zeltia ao Aire, Ene de Toba. 

Ese mesmo xoves, 2 de abril, tamén debutarán as persoas participantes no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 34 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 3 ás 20:40 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 5, a partir das 16:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

Outra das novidades desta edición será o espectáculo de costura en directo co deseñador andaluz José Perea. Poderá verse o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas no bloque de desfiles da mañá e o mediático José Perea, que participa por primeira vez na pasarela de Grandes Deseñadores, amosará a súa técnica para confeccionar traxes en directo en tempo récord. 

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O xoves 2 ás 18:00 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o venres 3 ás 16:45 horas e o sábado 4 ás 18:00 horas. Participan: Argentina (Cordoba e Buenos Aires), Bulgaria (Sofia), Eslovaquia (Krakovany), España (Arenis del Mar), Italia (Novedrate), Polonia (Bobowa), Portugal (Peniche e Serra D’El Rei). 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. Serán o mércores 1 ás 18 horas, o xoves 2 ás 12:45 horas, o sábado 4 ás 12:30 horas e o domingo 5 no acto de clausura a partir das 19 horas. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 20 ás 19:00 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. 


Luar na Lubre, Antía Muíño, Sebastián Allones Dans, Marta Doviro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e outras accións destacadas da programación  

Este ano os asistentes poderán gozar da música de Luar na Lubre (o mércores 1 ás 18:00 horas horas durante o desfile inaugural da Mostra); do concerto do mozo de Camelle, Sebastián Allones Dans, gañador do concurso de talentos ‘Da rúa á lúa’ do programa da TVG ‘Quen anda aí’ (o sábado 4 ás 12:30 horas) ou da actuación de ‘Fíos de Salitre’ de Mascarada O Cansorriño (domingo 5 ás 19 horas). O concerto de clausura da Mostra (domingo 5 ás 19:30 horas) correrá a cargo de Antía Muíño. 

Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola e o seu monólogo ‘Sen Restricións’ que terá lugar o sábado, 4 de abril, ás 20:30 horas na propia pasarela. O xoves 2 de abril, ás 20:30 horas haberá unha representación teatral a cargo da compañía Aantena titulada ‘Fíos da Memoria’. Ademais o venres, 3 de abril, ás 20:30 horas, a compañía, as risas están garantidas co monólogo da compañía de Camelle ‘Mortos de risa’.  

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o IX Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica San Roque de Vigo, a Coral San Salvador de Pazos de Ponteceso e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 20 ás 12:15 horas).  

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como ‘Punto de araña’ de Nerea Pallares (xoves 2 ás 12 horas); ‘A princesa dourada’ de Anxo Mouzo (xoves 2 ás 12:20 horas); ‘Ángeles acusadores’ de Diego Garrote (venres 3 ás 12:00 horas); ‘Ardentía 1854’ de María D.López-Menéndez Sánchez (venres 3 ás 12:20 horas); ‘1898 – El padre ausente’, a última parte da triloxía de ‘El Cementerio de los Ingleses’ de Alfonso de Sas (sábado 4 ás 11:40 horas); e a presentación de ‘A Costa da Morte, naturalmente única’ de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández que correrá a cargo de Pepe Formoso (sábado 4 ás 12:00 horas).  

O acto de clausura da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 5 de abril ás 19:00 horas. 


‘Gourmet entre encaixes’ 

O Concello repetirá este ano na XXXV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.  

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque. 

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 3 de abril ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 4 de abril ás 14 horas). 

Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados. Ademais, este ano poderase desfrutar da Zona Pontefriki, un espazo gaming con videoxogos, obradoiros e merchandising.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias