REDACCIÓN | A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra o mércores, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a gala dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia.
Nesta 30ª edición, un total de 17 espectáculos competirán por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala, en categorías que van desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con 10; e TROMSØ, de Morraoconto, con 7. Estas tres producións competirán tamén polos premios ao mellor espectáculo, á mellor dirección e á mellor dirección de movemento.
Esta 30ª edición homenaxea a figura de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, finado o pasado verán. Baixo a dirección de Gloria Rico, amiga, alumna e compañeira de traballo de Lourenzo, o espectáculo propón non a melancolía nin o eloxio fúnebre, senón a celebración. Un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas como elementos simbólicos trasladarán ao público á idea dunha festa popular ao vivo, na que se cantará, bailará e reflexionará sobre a vida e obra do homenaxeado.
No escenario coincidirán catro actores e actrices —Arantza Villar, Carlos Mosquera "Mos", María Barcala e Roberto Leal— xunto a un cuarteto musical formado por Josito Porto, Carlos Arévalo, Rafa Otero e Sabela Dacal. Ademais, a AAAG fará entrega do seu Premio de Honra Marisa Soto á actriz e activista Luma Gómez, figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional.
Á gala asistirán a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Goberno, Julio Abalde; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.