REDACCIÓN | A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe no Pazo de María Pita na rolda de prensa de presentación do Festival Internacional de Música Contemporánea RESIS 2026, na que se deu a coñecer a programación da súa novena edición. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel do festival como referente cultural, destacando que «converte A Coruña nun espazo de referencia para a creación contemporánea» e que «non é só un festival, é unha experiencia», ao combinar a música de vangarda con outras linguaxes artísticas e co propio espazo urbano, «xerando propostas únicas que interpelan ao público dun xeito directo e innovador».
Nesta novena edición, RESIS conta coa presenza de artistas internacionais e prestixiosos grupos. A programación inclúe nove concertos, con doce estreas absolutas, que se desenvolverán entre o 23 de abril e o 30 de maio en diferentes espazos da cidade da Coruña, aos que se suman dúas citas en Santiago de Compostela e unha programación expandida que chegará tamén a Madrid e Roma.
A edición deste ano rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926-1987) no centenario do seu nacemento, unha figura clave da música do século XX vinculada á escola experimental de Nova York. A súa obra Rothko Chapel protagonizará o concerto inaugural, mentres que o de clausura acollerá a estrea de Entre Feldman, unha creación de Niño de Elche e Héctor Cavallaro.
Estratexia provincial de apoio ao tecido cultural
Natividade González salientou tamén a traxectoria do certame desde a súa creación en 2018, indicando que «soubo medrar mantendo unha identidade propia: arriscada, aberta e profundamente contemporánea», e incidiu na súa capacidade para «apostar polo talento, pola experimentación e tamén pola capacidade da cultura para transformar a maneira na que habitamos os espazos».
Neste sentido, encadrou o apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña ao RESIS dentro da estratexia para fortalecer o tecido cultural, explicando que a institución promove tanto festivais consolidados como proxectos emerxentes, co obxectivo de garantir unha programación diversa, de calidade e distribuída ao longo de toda a provincia.
Así mesmo, remarcou a responsabilidade das administracións públicas para facer posíbeis este tipo de iniciativas, que pola súa natureza innovadora «dificilmente poderían desenvolverse sen o apoio institucional», polo que contribuír a que se consoliden «non é só unha oportunidade, senón tamén unha obriga».
Finalmente, animou a cidadanía a participar nesta nova edición do festival, convidando a deixarse «sorprender e a vivir a cidade desde outra perspectiva».