REDACCIÓN | Butacas completas hoxe no Teatro Colón da Coruña para asistir á explosión de talento musical infantil e xuvenil que pide espazo nos escenarios. Os asistentes gozaron dun excelente abano de creativas e orixinais propostas, atrás das cales están pequenos grandes artistas que a bo seguro veremos en poucos anos como algúns futuros rostros da música galega. Foi á vez unha oportunidade para ver a capacidade de nenas e nenos de ata 12 anos, na categoría infantil, e de mozas e mozos de entre 13 e 16 anos na categoría xuvenil, para crear música no noso idioma e contribuír á promoción e difusión da lingua galega.
Con gran profesionalidade malia as idades temperás, os seis grupos finalistas defenderon as súas propostas enriba das táboas, mais só dúas podían ocupar o lugar máis alto do podio en cadansúa categoría, e esas foron, segundo o sentir do xurado, as de Noxem e Tentáculo Rock, gañadoras respectivamente nas categorías infantil e xuvenil desta novena edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar. Un xurado que, como en cada edición, nesta gala final estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final. Máis información