REDACCIÓN | A Coruña clausurou o pasado venres a VII edición da Semana do Cinema Galego, que volveu converter a cidade nun punto de encontro co mellor audiovisual galego recente. Ao longo de catro xornadas, o Teatro Colón e a Domus acolleron a proxección de oito filmes, que rexistraron unha notable afluencia de público e colgaron o cartel de completo en varias sesións.
A mostra acadou nesta edición unha media de máis de 600 espectadores por xornada no Teatro Colón. Por primeira vez o ciclo proxectaba as sesións das longametraxes documentais na Domus, onde conseguiu encher todas as sesións cunha media de máis de 200 asistentes por xornada, colgando o cartel de aforo completo en dúas delas. Esta edición mellorouos datos de anos anteriores e confirmou o crecente interese do público polas producións galegas.
As proxeccións estiveron acompañadas polas presentacións dos equipos dos filmes, que compartiron co público detalles dos procesos creativos e das rodaxes. Estes encontros, que volveron ser unha das sinais de identidade da mostra, favoreceron o diálogo directo entre cineastas e espectadores, consolidando a Semana do Cinema Galego como un espazo de intercambio e reflexión arredor do audiovisual contemporáneo.
Os títulos exhibidos nesta edición foron Sirât, de Oliver Laxe, Premio Mestre Mateo á Mellor Longametraxe; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns; San Simón, de Miguel Ángel Delgado; Antes de nós, de Ángeles Huerta; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras; Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas; O silencio herdado, de Lucía Dapena González; e 360 curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, Premio Mestre Mateo a Mellor Documental.
A VII Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual e conta co apoio do Concello da Coruña.