El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | GALA DA CULTURA

A Deputación entrega os seus premios culturais este xoves na V Gala da Cultura

15-04-2026 08:42:37
Susana Pedreira.

REDACCIÓN | A Gala da Cultura da Deputación da Coruña chega o xoves (Teatro Colón, 19:00 horas), á súa quinta edición para converterse un ano máis no escaparate da creación cultural galega e consolidarse como unha cita de referencia na que teñen visibilidade e recoñecemento o traballo e o talento de artistas, escritoras e escritores, músicos e músicas, creadoras e creadores audiovisuais, deseñadoras e deseñadores e proxectos culturais da provincia. 

Ao escenario do Colón subirán para recibir o seu galardón as gañadoras e gañadores dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura no ano 2025, nunha edición que incorpora ademais novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño. 

A gala estará centrada nesta edición en honrar a sorte como parte da identidade e da cultura galegas, cunha proposta artística e escenográfica ao redor dos sanandresiños de Santo André de Teixido como símbolo principal do evento, que na última semana está tamén a decorar a fachada do teatro.  

Presentarán a velada a xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, nunha gala con dirección artística de Thais Suárez e coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras. A entrada é de balde e o público poderá acceder ao Teatro Colón desde as 18:30 horas, momento da apertura de portas. 

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que esta quinta edición da Gala da Cultura «volve converter o Teatro Colón nun punto de encontro para recoñecer e poñer en valor o inmenso talento creativo que hai no noso país», e subliña que a cita permite «visibilizar o traballo de persoas e proxectos que enriquecen a cultura galega desde ámbitos moi diversos».  


As persoas premiadas 

.- Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Mala Herba Producións (modalidade iniciativa) e Illa Bufarda (modalidade traxectoria). 

.- Premio Luis Seoane de Deseño: D-Due. 

.- Premio José Gil de Cinema en Galego: Ángela Andrada (guión de longametraxe de ficción en lingua galega), Borja Casal Fraga (guión de longametraxe documental en lingua galega) e Margarita Ledo Andión (traxectoria). 

.- Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica: Regina Giménez. 

.- Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica: Juan de la Quintana. 

.- Certame de Arte Isaac Díaz Pardo: Ana Gesto Beiroa. 

.- Premio Torrente Ballester de Narrativa: Estro Montaña (modalidade lingua galega) e Pablo Escudero Abenza (modalidade lingua castelá). 

.- Premio Castelao de Banda Deseñada: Manuel Barreiro e Elías Taño (modalidade xeral) e Giovanna Lopalco (modalidade infantil e xuvenil). 

.- Premio Manuel Murguía de Ensaio: Xosé Manoel Núñez Seixas. 

.- Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil: Antía Yáñez Rodríguez. 

.- Concurso Quero Cantar: Gael Ares (categoría infantil) e Emma Pérez e Candela Caamaño (categoría xuvenil). 

.- Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical: Aitor Vázquez Torres (modalidades orquestra e ensemble). 

.- Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais: Belém Tajes.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias