El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Economí­a

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | SALÓN GOURMETS

A Deputación da Coruña sitúa a cociña da provincia nos escaparates internacionais

17-04-2026 00:52:35
A Deputación da Coruña, no Salón Gourmets.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña participou do 13 ao 16 de abril no 39ª Salón Gourmets, a principal feira europea dedicada aos produtos de alimentación e bebidas de alta gama. O balance desta presenza é «moi positivo», explicou o vicepresidente da institución e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira. A institución provincial despediuse deste evento reforzando o papel da provincia como referente gastronómico no ámbito estatal e internacional e cumprindo cos obxectivos cos que acudía a esta nova edición: abrir novas oportunidades comerciais para o sector, afianzar un modelo de turismo sostible ligado ao produto local e seguir xerando sinerxías entre produtoras, produtores e profesionais da restauración baixo o paraugas da campaña provincial ‘A paisaxe que sabe’.  

Durante catro intensas xornadas, o espazo da Deputación en IFEMA converteuse nun punto de encontro para profesionais, distribuidores, medios especializados e público acreditado interesado en coñecer de primeira man a riqueza gastronómica da Coruña. Para Xosé Regueira, esta segunda participación en Gourmets —onde se estreou no 2025— deixa «un moi bo sabor de boca» e confirma que a presenza da institución en eventos deste nivel está a dar resultados, tanto na proxección da marca territorial como na xeración de oportunidades reais para o tecido produtivo. 

«Ao longo dos anos estamos gañando un oco no panorama estatal e internacional», enfatizou Regueira. «O público especializado xa sabe que estaremos presentes, que somos unha garantía de calidade e por iso van directamente ao noso expositor», abundou o vicepresidente, ao tempo que salientou a importancia que esta consideración ten para a cadea de valor enogastronómica, permitíndolles abrir con máis facilidade vías de negocio. 

Xosé Regueira puxo en valor tamén o éxito da proposta levada pola institución provincial á feira e salientou que «a programación desenvolvida estes días demostra a altísima calidade tanto dos produtos da nosa terra como da restauración da provincia, que é do máximo nivel». Nesta liña, reivindicou o momento de excelencia que vive o sector gastronómico galego e afirmou que «nos últimos tres ou catro lustros a restauración galega está demostrando que está ao nivel dos mellores lugares do mundo», grazas ao talento, esforzo e formación de cociñeiros e cociñeiras que «sitúan a nosa provincia no escaparate internacional».  

A programación coa que a ‘A paisaxe que sabe’ desembargou no Salón Gourmets foi tamén unha mostra da diversidade, excelencia e personalidade propia da despensa coruñesa, cunha proposta deseñada para reflectir a pluralidade territorial e gastronómica da provincia. A representación de produtoras e produtores combinou proxectos procedentes de distintos puntos do territorio, desde A Coruña, Santiago de Compostela e Boqueixón até Outes, Coristanco e Ribeira, configurando unha panorámica ampla da riqueza agroalimentaria provincial. Participaron firmas como A Conserveira, Cafés Aruba, Gallegas de Nata, Bodegas Lodeiros, Enoturismo María Manuela, Chichalovers, La Despensa d’Lujo, Empanadas Ternura, Lenatt Food ou Casa da Avoa, entre outras, que contribuíron a ofrecer unha imaxe plural e completa da capacidade produtiva do territorio. 

Do mesmo xeito, a restauración presente no programa permitiu amosar diferentes sensibilidades culinarias e estilos gastronómicos, desde propostas tradicionais reinterpretadas até alta cociña de vangarda, da man de algúns dos nomes máis destacados da hostalaría provincial. Polos fogóns do espazo da Deputación pasaron Adrián Felípez, do restaurante Miga; Noelia Rodríguez, de Casa Peto; Juan Crujeiras, de Bido; e Iria Espinosa, de Árbore da Veira, xunto a outros profesionais que contribuíron a trasladar a excelencia da cociña coruñesa ao público profesional da feira. A variedade das súas elaboracións, con protagonismo para produtos do mar, da horta e da despensa local, permitiu ofrecer unha visión contemporánea, innovadora e de alta calidade da gastronomía da provincia.  

Outro dos piares da presenza provincial foi a aposta pola divulgación e posta en valor do patrimonio vitivinícola coruñés, cun programa específico de relatorios e catas dirixido por Luís Paadín que percorreu ao longo da feira distintos territorios e singularidades enolóxicas da provincia, desde Betanzos e Barbanza e Iria até as ribeiras do Ulla ou os viños con crianza elaborados na Coruña. Esta programación contribuíu a reforzar a mensaxe de que a provincia conta cunha oferta gastronómica diversa, singular e profundamente ligada ao territorio. 


Satisfacción polo cumprimento dos obxectivos 

Regueira concluíu amosando a súa satisfacción polo cumprimento dos obxectivos cos que a Deputación acudía a este 39ª Salón Gourmets e asegurou que a institución provincial logra con esta presenza «xerar rede; afianzar a sostibilidade turística e o valor do produto de quilómetro cero, e crear sinerxías de colaboración entre as produtoras e produtores que nos acompañan con ‘A paisaxe que sabe’». 

Con esta participación, a Deputación reafirma a súa estratexia de promoción baseada na defensa dun modelo gastronómico sostible, innovador e conectado co territorio, no que produto, paisaxe, cultura e talento profesional se integran como elementos inseparables dunha mesma proposta de valor. Unha proposta que, unha vez máis, atopou no Salón Gourmets un escaparate privilexiado para seguir proxectando a provincia da Coruña como destino gastronómico de referencia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias