REDACCIÓN | A Rede Cultural 2026 da Deputación da Coruña programará un total de 1233 actuacións, nunha axenda que chegará a todos os concellos da provincia. O investimento da administración provincial no circuíto alcanza os 1?571?167,01 euros. Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un amplo catálogo.
Os diferentes espectáculos distribúense entre catro programas
1.- Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos, incluirá 918 actuacións (515 de teatro, 269 concertos, 107 de maxia e 27 de danza).
2.- Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 71 proxeccións.
3.- Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 110 actuacións.
4.- Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 134 actuacións.
A Deputación asume o 75?% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5000 habitantes, o 60?% nos que teñen entre 5001 e 10?000, o 50?% nos de entre 10?001 e 20?000, o 40?% nos de entre 20?001 e 50?000 e finalmente un 30?% nos de máis de 50?001.
«Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sustentábel e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público», sinala a deputada de Cultura, Natividade González. «A cultura», engade, «crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recantos da provincia».
Para González, «a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos, mesmo aos máis pequenos, unha programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral».
O departamento de Cultura provincial segue apostando, segundo a deputada, «por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas».
A resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2026 pode consultarse no BOP n.º 71, do 17 de abril de 2026.