REDACCIÓN | O Goberno avanza coas actuacións estratéxicas a grande escala para reordenar e adecuar a contorna da estación Intermodal coa aprobación hoxe en Xunta de Goberno Local da saída a licitación do proxecto de remodelación da avenida do Ferrocarril entre a rolda de Outeiro e a rúa Xeneral Rubín.
“Estamos a repensar a cidade para facela máis moderna, mellor e con máis servizos. A nova estación, que virá para mellorar o transporte de pasaxeiros, suporá tamén unha renovación da zona, xa que a alcaldesa, Inés Rey, estableceu que a nova Intermodal iría acompañada de melloras sustancias no barrio”, subliñou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.
O proxecto ten un orzamento base de licitación de case 1,5 millóns de euros e un prazo de execución de 10 meses. Contará co apoio dos fondos europeos FEDER como parte do Plan de Acción Integrado (PAI) para conectar a Rolda dos barrios. A actuación ten como obxectivo principal adaptar a zona ás novas esixencias de mobilidade e equipamentos que chegarán coa nova estación mais tamén a mellora da calidade urbana do conxunto.
Concretamente, o investimento traerá á avenida a modificación da súa sección transversal, adaptaraa aos novos fluxos de tráfico e á integración cos accesos da Estación Intermodal. Ademais, tamén suporá a reorganización da intersección coa rolda de Outeiro, xa queoptimizará a súa xeometría e o seu funcionamento para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico.
A colocación dunha nova glorieta na intersección coa rúa Xeneral Rubín permitirá realizar cambios de sentido e facilitar a incorporación desde o aparcadoiro subterráneo da Estación Intermodal —neste punto conectarase a saída de vehículos da estación de tren, de modo que poidan incorporarse en ambos os sentidos cara á rolda de Outeiro—. Habilitarase tamén unha dársena para os autobuses interurbanos no ramal de acceso desde Alfonso Molina, e o carril bici prolongarase para conectar a rolda de Outeiro coa avenida da Sardiñeira e coa Intermodal.
Esta actuación súmase á remodelación da avenida da Sardiñeira, unha obra na que o Goberno local investiu máis de 1,6 millóns (co cofinanciamento dos fondos Next Generation) en osixenar os espazos públicos, gañar en accesibilidade e habilitar un novo percorrido de carril bici.
Tamén se está completando o viario que conectará a avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, cun investimento de 2,2 millóns. Estas novas vías permitirán absorber o tráfico específico da Intermodal no seu acceso á cidade. En total, son máis de 5 millóns en investimento para proxectos destinados a adaptar esta zona á nova realidade, que será un revulsivo tamén para Os Mallos.
Contrato de Nostián
Tamén foi aprobado o seguinte paso para completar o proceso de licitación da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián. O Concello, tal e como avanzara Lage Tuñas cando se aprobou iniciar o proceso de contratación, someteu a información pública os pregos para que as empresas interesadas puidesen presentar as suxestións que considerasen convenientes. Finalmente, houbo tres compañías que fixeron achegas; aceptáronse parcialmente dúas delas co fin de acadar unha maior seguridade xurídica en todo o procedemento.
Así, o investimento no contrato será de máis de 130 millóns nos vindeiros 25 anos. Para os dous primeiros anos de xestión, o desembolso será de 9.498.628,11 euros no 2027 e de 9.864.818,44 euros no 2028. Desde o 2029 ata a data de finalización do contrato, o pago será de 13.892.912,08 euros anuais. Para o que resta do ano 2026, o pago será de 791.552,34 euros.
“Con este investimento queremos que a planta de Nostián alcance todo o seu potencial, resolva as carencias que ten tras moitos anos de funcionamento e modernice tanto as instalacións como a forma de traballar, para conseguir unha xestión de residuos a grande escala máis limpa e eficiente”, apuntou o voceiro municipal.
O contrato combina a remodelación integral da planta e a explotación completa da instalación, dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. A finalidade é garantir unha xestión moderna, eficiente e ambientalmente responsable dos residuos municipais. A empresa adxudicataria asumirá os gastos de todas as actuacións que se consideran necesarias para o mellor funcionamento do complexo, o que inclúe o acondicionamento das vías; o aumento das prazas de estacionamento, con teitos e sistemas de recarga para híbridos e eléctricos; novos vestiarios e adaptación das edificacións administrativas e os talleres; novas zonas de almacenamento para os produtos recuperados no procesado e o acondicionamento de máis áreas para voluminosos.
O Concello levará a cabo un labor de seguimento do cumprimento destas obrigas. Así, nos anos 10 e 19 de contrato, a empresa deberá xustificar melloras por valor de 2,5 e 5 millóns de euros, respectivamente. A remodelación e modernización da planta tamén deberá contar cunha nova liña de tratamento, novas naves de compostaxe, ampliación da biometanización, melloras no tratamento de aire e lixiviados e actuacións en dixestores, EDAR e planta de gas.
O contrato inclúe a xestións dos puntos limpos da cidade —actualmente son catro os puntos limpos fixos: dous específicos para o sector industrial, a carón dos polígonos de Pocomaco e Agrela; e os restantes, de achega voluntaria, nos Rosales e en Eirís—. A empresa beneficiaria deberá, polo tanto, levar a cabo melloras adicionais tamén nestas instalacións, tanto no referido aos peches perimetrais como á seguridade dos recintos.
O Concello avanza así no obxectivo de optimizar o tratamento de residuos na cidade, de cara a cumprir cos obxectivos comunitarios na materia e potencia o funcionamento dunhainfraestrutura cunha alta capacidade de xestión de lixo, que leva activa desde 1999 e que lles presta servizo tamén aos concellos da área metropolitana, explicou Lage.
Restauración do mausoleo de Sir John Moore
Ademais, expuxo Lage, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde tamén á saída a licitación do contrato para a restauración integral do mausoleo de Sir John Moore, cun investimento de 160.170 euros e un prazo de execución de 30 días hábiles. A actuación ten como obxectivo revitalizar o conxunto desta localización histórica mediante a limpeza e a restauración de todos os elementos que a integran.
Para determinar exactamente que tipo de procedemento é o máis axeitado e que accións concretas debían levarse a cabo, os servizos municipais fixeron un estudo exhaustivo do estado dos materiais e presentaron un informe detallado coas intervencións propostas, sempre tendo en conta o especial coidado que esixe un proxecto nun lugar de especial relevancia arquitectónica e arqueolóxica —de feito, todo o conxunto do xardín de San Carlos foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 1944—.
Esta actuación conta cunha limpeza especializada de varios elementos centrais, como as placas conmemorativas de granito, a placa de mármore, as carronadas de bronce, os canóns de ferro ou as esferas flamíxeras. Neste último caso, desmontaranse para aplicar unha nova capa de pintura.
Patio do CEE Nosa señora do Rosario
Outro dos proxectos que avanzou coa aprobación da saída a licitación foi a remodelación do patio do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, cun orzamento base de107.420 euros. Trátase dunha ampliación e renovación do espazo do patio, que ata agora era moi reducido no centro —dos 1.687 m² que ocupa, 1.487 correspóndense co edificio do colexio—.
Ademais, o Concello quere con este investimento adaptar as instalacións exteriores do centro ás necesidades particulares do alumnado. O obxectivo principal do proxecto será a conexión e comunicación entre os distintos espazos do novo patio e a actuación sobre o peche do recinto; buscarase illalo do tráfico rodado da rúa paralela e facelo máis permeable cara ao centro contiguo. Outro dos obxectivos da actuación será enriquecer as opcións de actividade da infancia e outorgarlles diferentes posibilidades dentro dun ámbito renaturalizado no que se priorizarán os pavimentos naturais.
O Goberno local traballa tamén para crear un novo servizo de actividades extraescolares deseñadas especificamente para os nenos e nenas con necesidades especiais deste centro educativo.
“O Concello está a asumir, de novo e con recursos limitados, investimentos que debería estar a facer, como o seu propio nome indica, a Consellería de Educación. Queda claro que a Xunta o que defende sobre calquera outra consideración é a iniciativa privada: quen queira un centro en condicións e con servizos, que o pague. Nós cremos na igualdade de oportunidades e cremos na educación pública como motor dunha sociedade e por iso seguiremos apostando por ela, teñamos competencias ou non”, apuntou Lage Tuñas.
Outros asuntos
Nesta última Xunta de Goberno Local, aprobouse a concesión de 264 novas licenzas, sumando as urbanísticas (48), as concedidas en réxime de comunicado e as de actividade nas súas distintas modalidades. Entre elas destaca a licenza de adecuación dun local de1.236 m² na rolda de Nelle para abrir un centro médico de catro plantas e que contará cun total de 19 consultas e cun garaxe subterráneo; e suporá un investimento de carácter privado na cidade próximo aos 1,5 millóns de euros.
Ademais, o voceiro municipal pronunciouse acerca da decisión da xustiza de permitir ao Concello impugnar a autorización ambiental que tramita a Xunta para a planta de tratamento de aceites no peirao de Oza. “Este concello oponse desde hai anos á instalación dunha actividade potencialmente contaminante na dársena de Oza, compañía que estaba a tramitar os seus permisos coa aquiescencia da Xunta. Coido que esa non é a maneira deentenderse nin de facer as cousas, non se pode decidir unilateralmente impoñer unha actividade no ámbito municipal coa que esta cidade non está de acordo. Os tribunais veñen agora darnos unha vez máis a razón”, indicou.