REDACCIÓN | O Pazo de Mariñán, en Bergondo, despide o venres unha nova edición das Residencias Artísticas Mariñán, convocadas pola Deputación da Coruña. Será nun acto, ás 11 horas, con participación da deputada de Cultura, Natividade González, e as persoas comisarias e participantes das diferentes residencias.
Cómpre lembrar que a edición das residencias que agora remata e comezou o pasado 11 de abril, é na que que maior número de proxectos se seleccionaron, pasando dos oito en 2025 aos quince este ano.
Na modalidade de música participan O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).
Na de literatura, Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’; e na de pensamento Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.
Pola súa banda, na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais, os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.
Apoio aos procesos de creación
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca «a calidade das propostas seleccionadas e a diversidade de formatos e disciplinas que conflúen» nestas residencias. Asemade, subliña que para a Deputación «é fundamental apoiar procesos de creación que precisan tempo, espazo e acompañamento, ofrecendo ás creadoras e creadores as condicións axeitadas para desenvolver os seus proxectos con garantías», sinala.