REDACCIÓN | A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación da obra Os libros durmidos, escrita por María Canosa e ilustrada por Laura Suárez, nun acto que contou coa presenza das súas creadoras e da deputada de Cultura, Natividade González.
A publicación, impulsada no marco dos proxectos desenvolvidos pola Biblioteca para conmemorar o seu 180.º aniversario, propón unha viaxe ao redor da descuberta e da paixón pola palabra escrita, incorporando tamén referencias a figuras vinculadas á historia da institución.
Durante a súa intervención, Natividade González destacou o simbolismo do acto e do espazo que o acolle, sinalando que «é unha satisfacción acompañar as autoras nun espazo tan emblemático como a Biblioteca Provincial para celebrar unha efeméride tan importante como é o Día do Libro, unha data de celebración».
A deputada puxo tamén en valor «a simbiose entre a palabra e a imaxe» neste libro, enfatizando tamén a participación neste proxecto de Laura Suárez, gañadora nunha das últimas edicións do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación. Ao respecto, reiterou o «compromiso» da institución con este tipo de certames que teñen como obxectivo impulsar o talento creativo galego.
Finalmente, González incidiu na necesidade de continuar apoiando a lectura e os espazos públicos dedicados ao libro, e apelou a que «os libros non queden “durmidos”», parafrasando o título da obra presentada.