REDACCIÓN | Arbo inicia oficialmente os días grandes da súa festividade máis senlleira. Esta tarde, a Directora Territorial da Consellería de Xustiza e Deporte, Blanca García-Señoráns, presidiu o acto de apertura da XXX Arbomostra, o escaparate perfecto para a promoción dos tesouros gastronómicos e vinícolas do municipio.
Nesta edición, oito adegas de Arbo participan no recinto de Arbomostra, situado na Praza do Mercado. Dende hoxe venres ás 17:30 horas e ata a noite do domingo, os visitantes poderán gozar de degustacións e coñecer as mellores elaboracións dos prestixiosos caldos da zona.
Como un dos momentos máis agardados, o sábado e o domingo a partir das 11:00 horas, un restaurante de Arbo será o encargado de servir a lamprea preparada nos distintos estilos tradicionais. Esta proposta culinaria, maridada coas xoias enolóxicas das adegas locais, está pensada para ofrecer aos asistentes unha experiencia sensorial que deixará un recordo inesquecible no padal.
Cociñeiros e cociñeiras arbenses amosarán ao público as receitas e técnicas que pasaron de xeración en xeración, conformando o alicerce do patrimonio cultural da vila.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo animar a veciñanza e turistas a sumarse á celebración: “Invitamos a todos os amantes da gastronomía, a cultura e as tradicións a visitar Arbo estes días para gozar da Festa da Lamprea, a festa máis internacional de Galicia. Será unha oportunidade única para descubrir a nosa hospitalidade e os nosos viños nunha contorna privilexiada como é o val do Miño”.
A carpa de Arbomostra converterase tamén nun punto de encontro cultural con actuacións musicais durante toda a fin de semana:
.- Sábado 25: o recinto abrirá de xeito ininterrompido de 11:00 a 24:00 horas. Actuarán o grupo A Xaiva (14:00 horas) e Mel de Meiga (20:30 horas).
.- Domingo 26: a xornada desenvolverase de 11:00 a 22:00 horas, coas actuacións de O Son das Tabernas (13:30 horas) e Somoza Trío (18:30 horas).
Con esta nova edición, Arbo reafirma a súa posición como destino gastronómico de referencia, onde a tradición, o produto de calidade e a hospitalidade se funden para ofrecer unha experiencia única arredor dun dos sabores máis emblemáticos de Galicia.