El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

PONTE... NAS ONDAS

Ponte... nas Ondas! estrea un coloquio audiovisual en catro episodios arredor de Begoña Caamaño

26-04-2026 11:29:10
Coloquio audiovisual.

REDACCIÓN | A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas! vén de lanzar unha serie audiovisual en catro episodios dedicada á figura de Begoña Camaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026. A proposta, dispoñible xa no canal da entidade en YouTube e na súa web, pontenasondas.org, recolle un coloquio íntimo e plural que percorre a traxectoria vital, profesional e literaria da xornalista e escritora. 

A conversa, estruturada en catro bloques, está moderada polo xornalista José Manuel Diego, e conta coa participación da irmá da escritora, Bea Caamaño, da cantante Uxía e da xornalista María Xosé Porteiro, así como da vicedirectora do IES Alexandre Bóveda, Irma Silva, integrante de Ponte... nas Ondas! (PNO!). 

Precisamente nese centro, no que a propia Caamaño estudou no barrio de Coia (Vigo), é onde se desenvolveu o coloquio, que pon en valor a súa faceta pedagóxica, “presente de maneira transversal en toda a súa obra”, tanto xornalística como literaria, e que a presenta como un “exemplo marabilloso dos valores que inspiran a actividade de PNO!”. 


Un percorrido en catro capítulos pola súa vida e pensamento 

A serie estrutúrase en catro bloques temáticos. O primeiro episodio, “A radio”, aborda a chegada de Caamaño ao medio radiofónico, case por casualidade: formada inicialmente para a docencia, descubriría a súa verdadeira vocación en Radio Noroeste, iniciando así unha traxectoria marcada pola paixón polo xornalismo e, especialmente, pola radio. 

O segundo capítulo, “Xornalismo e pedagoxía”, afonda na dimensión pedagóxica tanto da súa obra xornalística como literaria, subliñando a súa capacidade para divulgar, formar e xerar pensamento crítico a través da palabra. 

No terceiro episodio, “Portugal”, explóranse os vínculos da autora co país veciño, e o cuarto e último capítulo, “Andando a Terra”, céntrase no emblemático programa cultural que dirixiu na Radio Galega, destacando as súas afinidades co labor actual de Ponte... nas Ondas! na recuperación e difusión do patrimonio cultural inmaterial. Neste bloque tamén se introduce a dimensión internacional do seu legado, cunha referencia á experiencia de Caamaño en China e ás conexións persoais e culturais co país asiático, así como ao papel de Ponte nas Ondas! na futura plataforma da UNESCO sobre boas prácticas en patrimonio inmaterial, que será presentada neste mesmo ano en Xiamén (China).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias