El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Ernesto González Valdés
Sociedad

GALICIA | AUTISMO

A Federación Autismo Galicia lanza a II edición da formación "Espazos que Acollen"

Para avanzar na inclusión das persoas autistas en actividades de lecer e conciliación.

28-04-2026 11:19:45
Persoas con autismo.

REDACCIÓN | As persoas con autismo atopan con frecuencia barreiras que dificultan a súa participación en actividades de ocio e conciliación. A falta de adaptación dos espazos, das dinámicas e da comunicación non só limita o seu acceso, senón que tamén incrementa a carga das familias. Para dar resposta a esta realidade, a Federación Autismo Galicia promove a II edición de 'Espazos que acollen', unha formación gratuíta orientada a proporcionar ao persoal das actividades de lecer e conciliación coñecementos e ferramentas coas que crear contornas accesibles, seguras e inclusivas para as persoas autistas. 

Este ano ‘Espazos que Acollen’ amplía as horas formativas e incorpora unha actividade práctica, dando resposta ás demandas dos profesionais participantes na anterior edición. O curso suma un total de 20 horas, 15 de teoría e cinco de práctica, que se repartirán en catro sesións en liña impartidas a través de Microsoft Teams, nos meses de maio e xuño de 2026. Concretamente, nas tardes do 25 de maio e 1, 8 e 22 de xuño. 

A formación está dirixida a profesionais de actividades de conciliación e a persoal técnico, coordinador e monitores de actividades de ocio, cultura e deporte en eidos públicos e privados. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o martes 19 de maio de 2026, a través do formulario dispoñible na web da Federación Autismo Galicia. Unha vez rematado o prazo, confirmarase a praza e enviarase o enlace de acceso á plataforma. 

O obxectivo xeral do curso é avanzar na cualificación dos profesionais para garantir unha atención adecuada ás persoas con autismo nas actividades de tempo libre e conciliación. Para iso, os contidos abordan, entre outros aspectos: a comprensión do autismo e a súa diversidade, as barreiras existentes no lecer en Galicia, os principios da accesibilidade universal, o deseño de actividades inclusivas, e as estratexias de comunicación e benestar emocional. As persoas que completen o curso, incluída a actividade práctica, recibirán un certificado de asistencia. 

A formación 'Espazos que acollen' está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades para o ano 2025. 


Trastorno do Espectro do Autismo (TEA)  

Conxunto amplo de condicións que afectan ao neurodesenvolvemento e ao funcionamento do sistema nervioso, dando lugar a dificultades de comunicación e interacción social, así como na flexibilidade do pensamento e da conducta. A súa prevaleza é de 1 caso cada 100 nacementos. Se considera que hai más de 450.000 persoas con TEA en España, pero carecemos de datos exactos dado que non existen rexistros de poboación con diagnóstico a ningún nivel (estatal ou autonómico). 


Federación Autismo Galicia  

Nace no ano 1995 como unha Federación que engloba ás entidades do terceiro sector especializadas en autismo da Comunidade Autónoma de Galicia. Actualmente contamos cunha rede de 15 entidades distribuídas por todo o territorio galego, e representamos a máis de 10.000 persoas, entre familias e persoas con TEA.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias