REDACCIÓN | O Ciclo Mestre Mateo, iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, regresa cunha nova edición internacional que levará unha selección do audiovisual galego recente a diferentes cidades de España, Europa e América, consolidándose como o maior circuíto de exhibición de audiovisual galego que existe na actualidade e reforzando o vínculo coas comunidades galegas no exterior e a proxección internacional do noso cinema.
A presentación oficial desta edición celebrouse onte no CIPF Audiovisual de Vigo, nun acto que contou coa participación do director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o director do CIPF, Miguel Anxo Fernández, e o actor Adam Prieto, protagonista do filme As liñas descontinuas.
O ciclo desenvolverase ao longo dos próximos meses cun percorrido que incluirá as cidades de Bilbao, Málaga e Rubí, en España; Berlín, Bruxelas e Lisboa no ámbito europeo; e tamén destinos en América como Bos Aires, Lima, Montevideo, Newark, Río de Janeiro e Viña del Mar. Esta edición supón un fito para a iniciativa, ao pasar de 8 a 12 destinos internacionais, ampliando de maneira significativa a súa presenza no exterior e consolidando unha rede global de exhibición para o cinema galego.
Nesta edición, o público poderá ver un total de oito títulos: Sirat, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
O crecemento do Ciclo Mestre Mateo non só se reflicte na súa expansión xeográfica, senón tamén na excelente acollida do público. Na última edición, máis de 2.300 persoas espectadoras de Europa e América participaron nas proxeccións, o que supón un incremento do 57 % respecto a 2024. Este aumento evidencia o interese crecente polo cinema galego no exterior e o éxito dunha iniciativa que non deixa de medrar ano tras ano.
As persoas asistentes, procedentes de países como Arxentina, Uruguai, República Dominicana e Bélxica, así como de distintas cidades do Estado, tiveron a oportunidade de achegarse a unha selección de longametraxes e documentais finalistas e gañadores dos Premios Mestre Mateo, reforzando o papel do ciclo como ponte cultural entre Galicia e a súa diáspora.
O Ciclo Mestre Mateo reafirma así o seu papel como ferramenta de difusión do talento galego máis alá das nosas fronteiras, promovendo o encontro co público e o recoñecemento das creadoras e creadores do país. A iniciativa, posta en marcha en 2022 grazas á colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual, continúa a medrar e xa traballa na súa próxima edición.