REDACCIÓN | Co gallo do Día Internacional das Persoas Traballadoras, que se conmemora este venres 1 de maio en todo o mundo, as entidades que forman parte de Down Galicia queren facer un chamamento ao empresariado galego para seguir impulsando a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Tras pechar un 2025 con cifras récord, a Federación convida a empresas e administracións a confiar nun modelo que demostrou ser a ferramenta máis eficaz para a inclusión real do colectivo no mercado de traballo ordinario.
O apoio do tecido empresarial é crucial para que o futuro da sociedade se basee na igualdade, equidade e inclusión de todas as persoas. Nun mundo cada vez máis diverso, o emprego inclusivo converteuse nunha necesidade para as empresas e as administracións que buscan non só fomentar a diversidade, senón tamén ofrecer oportunidades en igualdade de condicións a tódalas persoas, independentemente das súas características persoais.
Un 2025 de máximos históricos no emprego ordinario
O balance do último ano deixa constancia do crecente interese das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais por formar parte activa da sociedade a través do desempeño laboral. En total, 270 persoas usuarias participaron no programa de Emprego con Apoio, a cifra máis alta desde que se puxo en marcha esta iniciativa hai máis de dúas décadas.
No que respecta aos fitos acadados durante o pasado exercicio, un total de 228 persoas (o 84,4% das persoas inscritas na bolsa de emprego) accederon a un posto de traballo, xerando un volume de 254 contratos laborais. Estes datos reflicten unha notable estabilidade, xa que as contratacións de carácter indefinido representaron máis do 81,5% do total —superando as cifras do ano anterior— e rexistráronse 7 prórrogas de contratos.
Así mesmo, se se computan tanto os contratos como as 38 formacións prácticas levadas a cabo no ano, a cifra de persoas participantes que contaron cunha oportunidade real no mercado laboral ordinario elévase ata o 91,1%.
En canto á distribución por localidades, obsérvase que foron 84 persoas as que traballaron en 2025 na zona de Vigo, 40 na Coruña, 26 en Ourense, 22 en Pontevedra, 22 en Lugo, 20 na área de Compostela e 14 na zona de Ferrolterra.
Estas 228 persoas puideron adquirir experiencia en postos tan variados como auxiliar de biblioteca, preparación de pedidos online, atención ao cliente, dependente de tenda, conserxe, repoñedor, persoal de servizos xerais do Sergas, operador de loxística, celador, peón industrial, auxiliar técnico termal, persoal de eventos, expendedor de fuel, recepcionista, masaxista, auxiliar administrativo, auxiliar de farmacia, pinche de cociña, ordenanza, monitor de comedor escolar, limpeza ou persoal de cafetería, entre moitos outros.
Unha metodoloxía consolidada e transformadora
Desde o ano 2002, Down Galicia aposta polo Emprego con Apoio como alternativa ao emprego protexido. Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un novo emprego contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que a persoa empregada poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de maneira positiva e natural.
Pero o Emprego con Apoio non só beneficia á persoa traballadora ao aumentar a súa autonomía, autoestima e calidade de vida, senón que impacta positivamente na empresa contratante ao fomentar contornas máis diversas, creativas e produtivas.
O reto da inclusión laboral
A pesar destes excelentes resultados en Galicia, o acceso ao traballo ordinario segue a ser un dos grandes retos pendentes. Segundo datos da Federación Down España, só o 22% das persoas coa síndrome de Down teñen emprego no noso país, e de ese grupo, apenas un 5% traballa no mercado ordinario. A nivel europeo, a situación é aínda máis complexa, cun 95% de desemprego no colectivo segundo a Asociación Europea da Síndrome de Down (EDSA).
Con todo, cabe resaltar que o emprego inclusivo está avalado pola Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificado hai 20 anos por España, que no seu artigo 27 indica que “Os Estados Partes recoñecen o dereito das persoas con discapacidade a traballar, en igualdade de condicións coas demais; iso inclúe o dereito a ter a oportunidade de gañarse a vida mediante un traballo libremente elixido ou aceptado nun mercado e unha contorna laborais que sexan abertos, inclusivos e accesibles ás persoas con discapacidade”.
Por todo isto, Down Galicia insta a seguir apostando por políticas de igualdade e pola cooperación do tecido empresarial para que o emprego digno e accesible sexa un dereito efectivo para todas as persoas.
Down España reclama o adianto na idade de xubilación
Ademais, a Federación Down España quere aproveitar esta sinalada data para solicitar unha reforma da Lei Xeral da Seguridade Social para adiantar a idade de xubilación das persoas coa síndrome de Down aos 42-45 anos. Esta reclamación fundaméntase no principio de proporcionalidade, xa que a esperanza de vida deste colectivo sitúase arredor dos 65 anos, fronte aos 83 da poboación xeral. Segundo o presidente da entidade, Mateo San Segundo, o obxectivo é garantir o dereito a un tempo de xubilación equivalente ao do resto da cidadanía, cumprindo así coa Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
A organización sinala que a normativa actual (Real Decreto 370/2023), que permite a xubilación aos 56 anos años para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 45%, é insuficiente para este colectivo debido ao seu envellecemento prematuro, que afecta especialmente á súa capacidade cognitiva e calidade de vida a partir dos 40 anos. Ademais, denuncian que as persoas coa síndrome de Down adoitan ter unha vida laboral máis breve e precaria, marcada por unha incorporación tardía ao mercado de traballo e postos de menor cualificación, menor remuneración e a tempo parcial.
Para reverter esta situación, Down España tamén insta ás Administracións Públicas a impulsar políticas de Emprego con Apoio e a fomentar a inserción laboral temperá. Co obxectivo de acadar o respaldo social necesario para estas demandas, a entidade puxo en marcha unha campaña de recollida de firmas a través da súa páxina web oficial.