REDACCIÓN | A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, asistiu hoxe ao comezo dos traballos de retirada da duna que protexeu o Paseo Marítimo durante a tempada invernal. Dous bulldozer e unha retroexcavadora traballarán ao redor de 15 días para deixar a praia de Riazor lista para o seu uso a partir do 15 de xuño.
Neira lembrou á cidadanía que debe respectar os precintos que se irán colocando na zona para sinalizar a presenza das máquinas e subliñou que, alén destas tarefas, van comezar as intervencións nos demais areais para preparalos tamén para a tempada de baño con todos os servizos.