El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación apoia a 74ª Tempada Lírica

Consolida A Coruña como unha das grandes cidades da ópera en España.

05-05-2026 12:46:09
Presentación da 74ª Tempada Lírica.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña apoia, un ano máis, a Tempada Lírica da Coruña, que alcanza xa a súa 74ª edición cunha espectacular programación centrada na forza feminina e con dúas grandes producións operísticas como protagonistas: Jenúfa, de Leoš Janácek, que se estreará por primeira vez en Galicia, e Tosca, de Giacomo Puccini, que regresará á escena coruñesa despois de 22 anos. 

O deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, participou esta mañá no Concello da Coruña na rolda de prensa de presentación da nova tempada, xunto ao concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o representante de Amigos da Ópera da Coruña, José Luis Méndez Romeu. 

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou que a Tempada Lírica “forma xa parte da identidade cultural da Coruña” e puxo en valor a capacidade deste proxecto para medrar ano tras ano mantendo unha programación de primeiro nivel. 

“Non é casualidade que a Tempada Lírica cumpra 74 edicións sendo capaz de seguir traendo á cidade actuacións do máis alto nivel. Detrás hai un proxecto claro, unha entidade comprometida coa difusión da cultura, unha demanda por parte dos afeccionados coruñeses á ópera e tamén un apoio institucional constante”, afirmou. 

O deputado lembrou que a colaboración da Deputación da Coruña con Amigos da Ópera é unha aposta sostida ao longo de décadas. “Estamos convencidos de que a cultura é un investimento estratéxico e de que a Tempada Lírica da Coruña é un dos grandes motores culturais desta provincia”, sinalou. 

Fernández salientou que esa continuidade permitiu traer á Coruña nos últimos anos grandes títulos do repertorio operístico, con producións que sitúan a cidade “no mapa lírico estatal e internacional”. Neste sentido, citou obras como Carmen, de Bizet; Aida, de Verdi; ou Tosca, de Puccini, que poderá verse no Palacio da Ópera os días 22 e 24 de outubro. 


Primeira representación de Jenúfa en Galicia 

A 74ª Tempada Lírica abrirase en setembro cunha das grandes apostas desta edición: Jenúfa, de Leoš Janácek, que se representará no Palacio da Ópera os días 17 e 19 de setembro. Será a primeira vez que esta obra se poida ver en Galicia e A Coruña converterase nunha das poucas cidades españolas que a levaron a escena. 

Bernardo Fernández cualificou esta elección como “especialmente significativa”, ao tratarse dunha obra pouco frecuente que só se programa nas grandes prazas operísticas. “Esta aposta de Amigos da Ópera revela a confianza no público coruñés, que leva anos demostrando que está preparado para propostas ambiciosas”, afirmou. 

Ademais, Jenúfa chegará á cidade como unha nova coprodución entre Amigos da Ópera da Coruña e Ópera Garage Producciones, con dirección escénica de Emiliano Suárez e Vanessa Goikoetxea como protagonista. Para Fernández, este feito reforza a dimensión creativa da tempada: “Non só traemos grandes espectáculos, senón que tamén participamos na súa creación. Iso é fundamental para consolidar un proxecto cultural con identidade propia, que sitúe A Coruña como cidade de ópera”. 

A programación desta 74ª edición incluirá preto dunha vintena de actividades líricas abertas a distintos públicos e espazos da cidade. Entre elas figuran unha nova colaboración con Viñetas desde o Atlántico, a décima edición do curso de interpretación vocal, conferencias introdutorias, proxeccións de ópera e cine, recitais de lírica inclusiva e unha nova edición do programa Ópera para nenos. 

Este programa achegará a ópera a máis dun milleiro de estudantes da cidade e da súa área de influencia e, como novidade, tamén chegará ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, permitindo que nenos e nenas ingresadas, as súas familias e o persoal sanitario poidan gozar dunha actividade cultural pensada para achegar a lírica á cidadanía. 

Outro dos eixos da tempada será a lírica inclusiva, que ampliará este ano o seu radio de acción coa colaboración na programación do Festigual. Haberá recitais gratuítos no Centro Cívico de Monte Alto, no Círculo de Artesáns e no Fórum Metropolitano, con acceso libre ata completar aforo. 


Tosca volve ao Palacio da Ópera da Coruña 

A tempada complétase co regreso de Tosca, de Puccini, que se representará os días 22 e 24 de outubro no Palacio da Ópera. A produción do Opéra-Théâtre de Metz contará con Miren Urbieta-Vega no papel de Tosca, Ragga Eldin como Cavaradossi e Carlos Álvarez como Scarpia, coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Paul-Émile Fourny, e os coros Gaos e Cantabile. 

Bernardo Fernández rematou a súa intervención recoñecendo o traballo de Amigos da Ópera da Coruña, “a asociación lírica máis antiga de España”, e trasladando o compromiso da Deputación de seguir acompañando este proxecto cultural. “O noso compromiso é seguir estando aí, apoiando a Amigos da Ópera para que A Coruña siga sendo unha referencia no mundo da lírica”, concluíu. 

A 74ª Tempada Lírica da Coruña conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Fundación Emalcsa e o INAEM, ademais da colaboración de Afundación, o Museo de Belas Artes da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, o Conservatorio Superior de Música da Coruña, o Hospital Teresa Herrera e a Filmoteca de Galicia. 

A venda de abonos e entradas para persoas asociadas abrirase a finais de maio nas oficinas de Amigos da Ópera. O público xeral poderá adquirir as súas entradas desde comezos de xuño a través de Ataquilla, na praza de Ourense e, nos días de representación, tamén na taquilla do Palacio da Ópera.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias