El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación felicita ao Club Marineda Hockey polo seu ascenso á OK Liga feminina

11-05-2026 12:07:30
Antonio Leira (e), e Beatriz Lema.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña felicita ao Club Marineda Hockey polo seu ascenso á OK Liga feminina, a máxima categoría nacional do hóckey sobre patíns, despois dunha temporada histórica na que o equipo coruñés confirmou o seu salto á elite. 

O deputado de Deportes, Antonio Leira, e a presidenta do Club Marineda Hockey, Beatriz Lema, asinaron un convenio de colaboración polo que a Deputación achega 12.000 euros para apoiar a actividade deportiva da entidade na tempada actual, contribuír ao seu funcionamento e impulsar un proxecto que se consolidou en moi pouco tempo como unha das grandes referencias do hóckey feminino galego. 

Leira trasladou os parabéns da institución provincial ás xogadoras, ao corpo técnico, á directiva e a toda a familia do club “por un éxito deportivo que é froito do traballo, da ilusión e da capacidade dun equipo que está xa facendo historia para o deporte coruñés”. 

“O ascenso do Marineda Hockey á OK Liga é unha magnífica noticia para A Coruña e para toda a provincia. Son un club novo, pero cun proxecto moi sólido, que demostra ambición, talento e unha enorme capacidade competitiva desde o primeiro día”, sinalou o deputado. 

Antonio Leira destacou tamén que a colaboración da Deputación “forma parte do compromiso da institución co deporte de base, co deporte feminino e cos clubs que levan o nome da provincia da Coruña ás máximas categorías”. Neste sentido, subliñou que “o Marineda é un proxecto que abre camiño para moitas nenas e mozas e que demostra o gran momento que vive o deporte feminino na provincia”. 

O Marineda Hockey certificou esta fin de semana o seu ascenso á OK Liga feminina tras vencer ao CP Patín Raspeig por 3-1 no pavillón do Agra I. O equipo coruñés culmina así unha campaña extraordinaria na OK Liga Plata, na que se mantivo invicto e na que tamén conquistou a Copa Princesa, o primeiro título da historia da entidade. 

Co ascenso, o Club Marineda Hockey devolve A Coruña á máxima categoría do hóckey feminino nacional e abre unha nova etapa para unha entidade que, malia a súa curta traxectoria, está escribindo xa unha páxina destacada na historia deportiva da cidade e da provincia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias