El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación reafirma o seu apoio ao Atlantic Pride

11-05-2026 17:38:39
Presentación do Atlantic Pride.

REDACCIÓN | A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe no pazo de María Pita, na Coruña, na presentación da sétima edición do Atlantic Pride, que se celebrará do 5 ao 12 de xullo na cidade herculina. No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; os directores do festival, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; e o director de Activación Iberia de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán. 

Durante a súa intervención, Natividade González destacou o compromiso da Deputación da Coruña co apoio aos festivais culturais da provincia e reivindicou o papel da cultura como ferramenta de transformación social, convivencia e defensa dos dereitos e das liberdades. «A cultura non é só entretemento; é tamén un motor de cohesión social, de pensamento crítico e de defensa dos dereitos e das liberdades», afirmou. 

A deputada sinalou que o Atlantic Pride é «moito máis ca unha celebración», definíndoo como «un espazo de encontro, de visibilidade e de reivindicación» que contribúe a facer «da Coruña e do conxunto da provincia lugares máis abertos, máis diversos e máis humanos». Nese sentido, subliñou que a Deputación leva anos apoiando festivais culturais «porque cremos firmemente na capacidade transformadora da cultura». 

Natividade González incidiu tamén en que os festivais culturais «dinamizan as vilas e cidades, crean comunidade e xeran actividade económica e turística», pero destacou especialmente a súa capacidade para crear «espazos compartidos onde a cidadanía pode expresarse con liberdade e recoñecerse na diversidade». 

A deputada puxo en valor o carácter reivindicativo do Atlantic Pride e o seu compromiso coa diversidade afectiva, sexual e de xénero. «Fronte aos discursos que pretenden recortar dereitos ou sementar medo, eventos como o Atlantic Pride responden con comunidade, con alegría, con cultura e con orgullo», afirmou. 

Durante a presentación, os directores do festival deron a coñecer os novos nomes que completan o cartel da sétima edición do Atlantic Pride e repasaron a traxectoria dun evento xa consolidado como unha das citas de referencia do verán na cidade. Tamén animaron o público a participar no V Certame de Literatura LGBTI+ do festival e convidaron a consultar a programación completa a través das canles oficiais do evento.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias