El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Sol Agra reivindica o papel das axentes de igualdade

13-05-2026 13:08:35
Sol Agra Tuñas (2ª fila, en el centro).

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña celebrou hoxe no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, o IV Encontro de Axentes de Igualdade, unha xornada de reflexión, intercambio e traballo colectivo arredor das políticas públicas de igualdade no ámbito local. O encontro reuniu unha trintena de técnicas e técnicos de entidades locais implicados no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de igualdade. O obxectivo é avanzar cara á creación dunha rede provincial de Concellos pola igualdade e a diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas. 

Abriu a xornada a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, pondo en valor o traballo das axentes de igualdade nos concellos e reivindicando a necesidade de seguir fortalecendo estas políticas desde o ámbito municipal. «Temos que recoñecer que algo se mellorou», sinalou, «pero queda moito por facer para que desde o ámbito municipal se coñeza o importante labor que a axente de igualdade pode facer nun Concello, pola veciñanza e tamén polo funcionamento de toda a estrutura municipal». 

Durante a súa intervención, a deputada destacou a importancia da transversalidade nas políticas públicas e afirmou que a incorporación da igualdade de xénero na acción institucional é maís ca «un principio teórico que queda ben nos discursos», pois pode «favorecer cambios reais en todas as áreas de goberno, cunha repercusión directa na mellora da calidade de vida da xente». 

A deputada de Igualdade advertiu tamén de que «o machismo reármase e ten moito apoio do capital», unha realidade que, segundo explicou, «se traduce tamén en discursos políticos de algúns partidos» e que acaba trasladándose «aos centros educativos, ás redes sociais e á rúa». Neste contexto, Agra incidiu na importancia de fortalecer o traballo colectivo entre administracións locais e profesionais da igualdade. 

«Por iso cada vez somos, sodes, máis necesarias», afirmou, que explicou que o obxectivo da xornada foi «crear, ou poñer as bases para crear, unha rede de Concellos pola igualdade». Abondou que esta iniciativa permitirá «traballar xuntas, construír colectivamente un instrumento que nos permita definir criterios conxuntos de actuación e avaliación, facilitándonos o intercambio de experiencias, a coordinación, o apoio na creación de recursos, incluso a canalización de propostas para impulsar medidas lexislativas». 


Traballo en rede para fortalecer as políticas locais de igualdade  

A programación arrancou cunha dinámica de presentación baixo o título ‘Quen somos nesta rede posíbel?’ e continuou cunha conversa centrada en experiencias de colaboración intermunicipal e traballo en rede no ámbito da igualdade e da diversidade sexual e de xénero. 

Na mesa participaron Eukene de Miguel, da rede Berdinsarea —Rede de municipios vascos pola igualdade de homes e mulleres e contra a violencia machista—; Luna Martinicorena, da Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia de Navarra; Lucía Canoura, coa experiencia ‘De Faro a Faro’ da comarca de Ortegal; e Marta Piñeiro, do Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio das Mariñas. 

A xornada continuou cun espazo participativo centrado no deseño da futura rede provincial, no que as persoas asistentes compartiron propostas e reflexións para avanzar nun modelo de colaboración estábel entre os concellos da provincia. 

A actividade estivo deseñada e facilitada polos equipos de Rexenerando S. Coop. Galega e Arabías S. Coop., que acompañan a Deputación neste proceso de impulso e fortalecemento das políticas de igualdade no territorio.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias