REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, acompañados de representantes dos grupos provinciais, recibiron esta tarde no salón de plenos ao Monbus Obradoiro tras o seu ascenso á ACB, a máxima categoría do baloncesto español.No acto, a Deputación trasladou a felicitación da provincia ao club compostelán polo regreso á Liga Endesa, un logro que recoñece o traballo do equipo, do corpo técnico, da directiva e dunha afección que volveu demostrar o seu apoio ao Obradoiro nos momentos decisivos da tempada.Valentín González Formoso destacou que o ascenso “é unha magnífica noticia para Santiago, para a provincia da Coruña e para todo o deporte galego”, e subliñou que o Obradoiro “forma parte da historia do noso baloncesto, cunha traxectoria sólida e construída con esforzo e moita capacidade de resistencia”.O presidente da Deputación desexou ao equipo “a maior das sortes” nesta nova etapa na ACB e expresou a confianza en que o club poida consolidarse de novo na elite. “Sabemos que a ACB é unha competición esixente, pero tamén sabemos que o Obradoiro ten capacidade, unha afección entregada e a toda unha cidade detrás”, afirmou.Durante a recepción, Formoso puxo tamén en valor a potencia do baloncesto na provincia da Coruña, tanto no ámbito profesional como no deporte de base. “O basket coruñés vive un momento de enorme forza. Temos clubs que compiten ao máximo nivel, canteiras que nos deparan un futuro ilusionante e unha afección cada vez maior que sente o baloncesto, polo que o éxito do Obradoiro é tamén gasolina para os equipos de baloncesto base”, afirmou.Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, felicitou tamén ao club polo ascenso e salientou “o exemplo de constancia” que representa o Obradoiro. “Despois dun descenso nunca é doado volver. O mérito deste equipo foi levantarse, competir con ambición e devolverlle á afección a alegría de ver o Obradoiro outra vez na ACB”, afirmou.A recepción celebrouse no salón de plenos da Deputación da Coruña, onde representantes da institución provincial compartiron co equipo, corpo técnico e directiva do equipo o recoñecemento público por unha tempada espectacular que devolve ao Obra á elite do baloncesto estatal.