REDACCIÓN | O Palacio Munipal de María Pita acolleu hoxe a recepción oficial ás participantes no III Encontro de Alcaldesas “Cultura feminista, feminismo na cultura. As alcaldesas falan”, unha cita que reuniu na cidade a rexedoras de Galicia e doutras cidades do Estado para compartir reflexións e experiencias arredor do municipalismo, a igualdade e a cultura. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de dar a benvida institucional ás asistentes nun acto celebrado no Salón de Sesións do Palacio Municipal, no que puxo en valor o municipalismo como ferramenta de cooperación e transformación social.
Durante a súa intervención, Rey destacou que “as cidades avanzan máis e mellor cando compartimos experiencias, cando tecemos redes e cando construímos alianzas desde o municipalismo” e agradeceu a presenza das alcaldesas participantes nun encontro que definiu como “un espazo necesario para seguir fortalecendo o liderado feminino”.
A rexedora coruñesa subliñou tamén o simbolismo do Salón de Sesións como espazo de construción da historia da cidade e lembrou a pegada de referentes como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e María Pita. “Creo que ten un enorme simbolismo que hoxe sexamos precisamente alcaldesas de distintas cidades e municipios as que nos reunamos aquí para seguir abrindo camiños desde a política local”, afirmou.
No marco desta terceira edición do encontro, Inés Rey reivindicou a cultura como “un elemento central das políticas públicas” e destacou a necesidade de incorporar unha mirada feminista tamén no ámbito cultural. “A cultura transforma barrios, revitaliza cidades e mellora a vida da xente”, sinalou, ao tempo que lembrou a responsabilidade das institucións á hora de recuperar e visibilizar o papel das mulleres creadoras ao longo da historia.
A alcaldesa tamén fixo referencia á III Declaración de María Pita, asinada polas participantes ao remate do acto institucional, como símbolo “do compromiso compartido coa igualdade, co feminismo e co liderado das mulleres desde o ámbito local”.
A recepción institucional incluíu a lectura da declaración por parte das alcaldesas asistentes e a posterior sinatura do documento por representantes municipais de Galicia e doutras cidades españolas participantes no encontro.
Entre as asistentes ao acto estiveron presentes a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da FEGAMP, María Barral; a alcaldesa de Palencia, Miriam Andrés Prieto; a alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet, Mireia González; a alcaldesa de Castro Urdiales, Susana Herrán Martín; a alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín; e a alcaldesa de Portugalete, María José Blanco, ademais das rexedoras galegas de Camariñas, Cee, Narón, Vimianzo, Redondela, Silleda, Coles, Maceda, Rairiz de Veiga, Ramirás, Guitiriz e Vilalba.
A xornada continúa esta tarde
O III Encontro de Alcaldesas continuará esta tarde no Club Cámara Noroeste cun programa de mesas redondas e relatorios centrados no feminismo, a cultura e o liderado institucional das mulleres. A partir das 16.30 horas terá lugar a inauguración oficial coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a vicepresidenta da FEGAMP, María Barral; e a directora xeral de Igualdade, María Quintiana.
A programación incluirá dúas mesas de debate arredor do papel das mulleres na construción da cultura, a memoria e a economía, coa participación de alcaldesas, escritoras, editoras e profesionais do ámbito cultural como Chelo Loureiro, Dores Tembrás e Marife Santiago. A clausura correrá a cargo de Inés Rey e da alcaldesa de Palencia, Miriam Andrés Prieto.