El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | TEATRO GALEGO

Natividade González reivindica en Mariñán o teatro galego como "creatividade, lingua e cohesión social"

15-05-2026 17:09:34
Natividade González (c).

REDACCIÓN | A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe no acto inaugural das IV Xornadas da Academia Galega de Teatro, que se celebran no Pazo de Mariñán (Bergondo) baixo o título ‘2000-2025: sumando primaveras’. Durante a súa intervención, destacou que estas xornadas representan «un espazo xa consolidado de encontro, reflexión e pensamento arredor das artes escénicas galegas» e agradeceu á Academia Galega de Teatro a organización do evento e «o traballo constante que desenvolve na defensa, promoción e análise crítica do noso sistema teatral». 

Acompañada polo presidente da Academia, Miguel Pernas, e o polo director da Agadic, Jacobo Sutil, a deputada subliñou o carácter simbólico desta edición, centrada nos 25 anos de teatro galego no século XXI, unha efeméride que, segundo indicou, convida a ollar atrás «con orgullo», mais tamén «a ollar cara adiante con responsabilidade e ambición». 

Natividade González salientou a capacidade de resistencia e transformación do teatro galego nas últimas décadas, asegurando que foi quen de superar crises e adaptarse a cambios profundos mantendo a creación de «espazos de emoción, pensamento crítico e identidade compartida». Neste sentido, advertiu de que «ningún avance está garantido» e reivindicou o compromiso colectivo, o apoio institucional e o diálogo permanente co sector cultural. 

A responsábel provincial puxo en valor a importancia de encontros como o de Mariñán, que permiten «parar, pensar, compartir experiencias entre xeracións e debater sobre os retos que temos por diante», entre os que citou a creación, os públicos, a profesionalización, a sustentabilidade do sistema cultural e os novos paradigmas que están a transformar a maneira de facer e vivir a cultura. 

Desde a Deputación, afirmou, enténdese a cultura «como un dereito, como un ben común e como unha ferramenta esencial para construír sociedade». Neste sentido, enfatizou que «apoiar o teatro galego é apoiar creatividade, emprego cultural, lingua, pensamento crítico e cohesión social». 

Ao longo das xornadas, que continuarán o sábado, participarán profesionais como Manuel Xestoso, Roberto Pascual, Inma López Silva, Ánxeles Cuña, Cándido Pazó, Tito Asorey, Marta Alonso Tejada, Miguel Gendre, Constance Hurlé, Xesús Ron, Daniel G. Salgado, Xavier Castiñeira ou Carlos Lorenzo, entre outros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias