El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación celebra as Letras Galegas cunha gran homenaxe colectiva a Begoña Caamaño na Quintana

A programación incluirá repartición de libros e actividades nos concellos ao longo do ano, ademais de propostas musicais.

16-05-2026 14:10:24
Cartel 17M.

REDACCIÓN | A Praza da Quintana de Santiago de Compostela acollerá o domingo o espectáculo ‘Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño’, a gran proposta da Deputación da Coruña para conmemorar o Día das Letras Galegas. A partir das 20:00 horas, a cita combinará música, poesía e audiovisual nun evento colectivo sobre a escritora, xornalista e activista homenaxeada este ano pola Real Academia Galega. 

A deputada de Lingua, Sol Agra, destacou que a intención da institución provincial é converter a Quintana «nun campo da festa das Letras Galegas» cun espectáculo «dinámico, participativo e festivo» para celebrar a figura de Begoña Caamaño. A proposta contará coa participación de artistas e creadoras como Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tareixa Novo, The Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira, Uxía, Paz Francés, As Amigas e DJ Mil.   


Ampla programación 

O concerto central forma parte dun amplo programa de actividades que a Área de Lingua da Deputación desenvolverá ao longo do ano para divulgar o legado de Begoña Caamaño en toda a provincia. Sol Agra incidiu en que a vontade da Deputación é que a homenaxe «vaia máis alá da celebración do 17». Malia que se trata dunha «data chave», afirmou que «a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano». 

A programación inclúe tamén a distribución das publicacións Begoña Caamaño, pequena biografía, Os fíos de Begoña, Begoñísimas e O transgredir das ondas entre centros educativos, bibliotecas escolares e municipais. Ademais, a Deputación entregará exemplares da novela Circe e o pracer do azul en bibliotecas e institutos con bacharelato. O programa completarase con contacontos ilustrados e musicados, obradoiros de lectura e escrita creativa e actividades en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. 

A deputada subliñou tamén a importancia de achegar a obra e o pensamento da autora ás novas xeracións. «Queremos contribuír a que Begoña Caamaño chegue a todos os recunchos da provincia, porque a súa obra, o seu pensamento e o seu compromiso continúan sendo imprescindíbeis para entender o presente», asegurou. 

A música terá igualmente presenza destacada no programa co proxecto Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, impulsado por Uxía Senlle xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec, que chegará a distintos concellos da provincia ao longo dos próximos meses.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias