REDACCIÓN | A Domus acolleu hoxe a presentación oficial da XVII edición do (S)8 Mostra de Cinema Periférico que este ano dedica a súa imaxe á eclipse sendo A Coruña unha das mellores localizacións de España para ver a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto. Ademais esta edición, que se celebrará do 2 ao 7 de xuño en cinco localizacións da cidade, bate récords de proxeccións con 161 películas e máis de 80 convidados.
O concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, acudiu ao evento de presentación resaltando que “esta Mostra que está a piques de cumprir a maioría de idade está asentada xa na cidade, en Galicia e mesmo en España, sendo una das mellor valoradas polo Observatorio de Cultura”. Ademais, subliñou que “é unha metáfora da cidade da Coruña ao conxugar perfectamente o tradicional, o vangardista e o social, pois a cultura non pode entenderse sen ese perspectiva”.
Castro estivo acompañado dos codirectores da XVII Mostra, Ana Domínguez e Ángel Rueda; a coordinadora de política audiovisual da Axencia Galegas de Industrias Culturais (Agadic), Dolores Meijomín; a deputada provincial da Deputación da Coruña, Avia Veira; a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros (en conexión por viodeoconferencia); a directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez.
“O Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso co cinema e o audiovisual apoiando eventos coma este e con accións globais como a nosa candidatura a ser Cidade Creativa da Unesco”, lembrou Castro.
A Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía en das Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.
Edición de récord
Este ano no (S8) proxectaranse 161 obras con 35 estreas mundiais e 20 pezas de autoría galega ademais de 8 film performances. Ademais, contará cun total de 88 participantes entre cineastas, profesionais, estudantes de Belas Artes e prensa especializada.
A Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, a DOMUS, a Fundación Luis Seoane e Atalaya serán as cinco sedes desta edición que ademais contará con actividades paralelas.
Principais nomes
Nesta XVII edición destacan nomes como Jeanne Liotta, figura clave do cinema experimental norteamericano, é un dos grandes nomes internacionais do (S8); o canadense John Porter, considerado o rei do Super 8; o mexicano Bruno Varela, cun cine político e futurista, e a belga Els van Riel, con filmes que son unha investigación empírica en torno á luz.
De todos eles haberá varias sesións retrospectivas, sendo unha oportunidade única de ver as súas películas proxectadas en formato analóxico orixinal, significando, para moitas delas, a súa estrea en España. No caso da última película de Bruno Varela, Polen negro (2025), será proxectada en 35 mm e sonorizada en directo, sendo a súa estrea mundial.