El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA | BNG

Pontón: "Avia Veira ten a forza, o proxecto e o liderado que se necesita para facer que A Coruña dea un gran paso adiante"

21-05-2026 20:02:59
Avia Veira (c).

REDACCIÓN | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou a Avia Veira como a mellor candidata para ser a próxima alcaldesa da Coruña, abrindo un tempo novo cun proxecto serio e ambicioso para converter a cidade nun referente “dentro e fóra Galiza”. “Avia Veira ten a forza, o proxecto e o liderado necesarios para facer que a Coruña dea un gran paso adiante”, asegurou.  

Pontón referiuse á candidata nacionalista, que elixiu o “corazón de Monte Alto” para facer a súa presentación, como unha muller “loitadora e reivindicativa”, unha política “pegada á rúa” , que “mira aos ollos da xente” e que afronta agora un novo reto avalada polo seu traballo no Concello. En María Pita, dixo, “pelexa cada día” por mellorar as condicións de vida das coruñesas e os coruñeses. 

“Monte Alto é un barrio con identidade, orgulloso das raíces, rebelde e combativo. E eses son tamén os valores que definen á candidata do BNG, unha orgullosa veciña e a próxima alcaldesa da Coruña, a cidade onde se criou, na que ve medrar aos seus fillos, a cidade á que ama e pola que loita cada día”, subliñou.  

A líder do BNG salientou ademais a “Coruña en grande” na que pensa Avia Veira, unha cidade —explicou— con mellores servizos públicos e con calidade de vida, con máis cohesión social e un urbanismo de calidade que poña as persoas no centro. “Unha Coruña en grande significa sustentabilidade, inclusión e benestar social, e significa vitalidade económica, social e cultural”, engadiu.  

Afondando nesta cuestión, afirmou que A Coruña en grande pola que traballa Veira é transformar a fachada marítima e recuperala para a veciñanza, pero tamén que “as cousas de cada día funcionen”.  

Pontón asegurou que A Coruña precisa “un cambio de rumbo” porque “xa sabe o que dan de si os gobernos do bipartidismo estatal, cun PP e un PSOE que fan unha cousa cando están na oposición e outra cando están no goberno municipal”, como sucedeu —exemplificou— coa débeda do Porto.  

“Segundo quen teñan o bastón de mando en María Pita e na Moncloa, PP e PSOE defenden que esa débeda debe ser asumida polo goberno do Estado ou calan a boca para non molestar os seus respectivos xefes en Madrid”, advertiu, para salientar que, pola contra, “no BNG só temos unha palabra e temos claro que sempre estamos do lado da Coruña e dos seus veciños e veciñas”.  

É por iso que, segundo dixo, “é o momento de facer algo distinto”, da man do Bloque e de Avia Veira como a líder “honesta, traballadora, preparada, feminista e orgullosamente coruñesa” que encara a cita electoral prevista para o 23 de maio do próximo ano co “mellor aval” para pedir a confianza da cidadanía, dixo en alusión ao modelo municipal que o BNG pon en práctica alí onde goberna para mellorar a vida da xente.  

“Sabemos transformar en positivo, xestionar con eficacia e con honestidade cada euro para mellorar a vida da xente”, recalcou a portavoz nacional, para quen  modelo do BNG funciona porque pon ás persoas no centro, “construíndo barrio, defendendo os servizos públicos dun PP que recorta e privatiza a costa da saúde, da igualdade ou da vellez digna”.  

Pontón, que tamén tivo palabras de agradecemento e recoñecemento a Francisco Jorquera, presentou as vindeiras eleccións municipais como unha oportunidade máis para seguir consolidando o avance do BNG, “poñendo do noso lado a todos os galegos e galegas que comparten a idea de que é posible construír unha Galiza con futuro”. “E con ese reto empezamos a traballar desde agora mesmo e até o 23 de maior de 2027”, concluíu. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias