El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación celebra a Festa da Música 2026 con quince concertos noutros tantos concellos da provincia

O ciclo desenvolverase ao longo do mes de xuño con actuacións de Cuarteto Debiselas, Anxo Araújo, Faia Díaz, Su Garrido Pombo e Belém Tajes.

02-06-2026 16:59:05
Os concertos da Festa da Música.

REDACCIÓN | A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebra unha nova edición da Festa da Música, cun programa que levará quince concertos a trece concellos da provincia ao longo do mes de xuño. A iniciativa forma parte da conmemoración do Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño, e ten como obxectivo achegar a música galega a públicos de todo o territorio a través dunha programación diversa e de calidade. 

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a Festa da Música é unha mostra do compromiso da Deputación coa creación musical galega e coa descentralización da oferta cultural. «Traballamos da man dos concellos para que a cultura chegue a toda a provincia e para apoiar artistas que representan a riqueza e a diversidade da música galega actual», sinalou. 

A programación comezará os días 5, 6 e 7 de xuño co espectáculo ‘Merendola desconcertante’, do Cuarteto Debiselas, que chegará aos auditorios de Visantoña, en Santiso, e do Centro Cívico de Malpica, así como ás Escolas da Atalaia de Asados, en Rianxo. A proposta continuará o 18 de xuño no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, o 19 no adro do Convento do Carme de Padrón e o 28 de xuño no Auditorio Municipal de Cerceda. 

Anxo Araújo protagonizará tres actuacións dentro do ciclo. O músico actuará o 23 de xuño na praza Floreal de Cedeira, o 26 no anfiteatro de Arteixo e o 27 no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee. 

Pola súa banda, Faia Díaz presentará ‘Alvela’ o 14 de xuño na igrexa de Santa María de Melide e o 28 de xuño no Auditorio Municipal de Ribeira. 

O proxecto Traspielas, impulsado por Su Garrido Pombo, ofrecerá dous concertos: o 19 de xuño no Teatro-Cine Elma da Pobra do Caramiñal e o 21 de xuño no Pazo da Cultura de Carballo. 

A programación completarase coa cantante Belém Tajes, que presentará o seu primeiro disco, ‘Amar o mar’, o 19 de xuño no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo e o 20 de xuño no Teatro da Beneficencia de Ortigueira. 

Con esta nova edición da Festa da Música, a Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola difusión da música galega e pola colaboración cos concellos para impulsar unha programación cultural estable e accesible en todo o territorio provincial.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias