El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación salienta o papel do emprendemento como motor de emprego, innovación e dinamización económica da provincia

04-06-2026 16:13:14
Rosa Ana García (c).

REDACCIÓN | A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou hoxe na clausura da xornada de networking “Transforma o teu proxecto nun espazo real”, organizada por AJE Galicia no Club Cámara Noroeste da Coruña. 

A xornada reuniu a persoas emprendedoras, profesionais, empresas e representantes institucionais arredor dun programa centrado na transformación de ideas de negocio en proxectos reais, sostibles e con capacidade de crecemento. O encontro contou con talleres sobre tendencias de mercado e desenvolvemento de espazos de negocio, así como cunha mesa redonda na que participaron representantes de IKEA, Ámbitos, Hotel Plaza e Hotel Avenida, Atlántico Abogados e La Tribu Verde. 

Na súa intervención, Rosa Ana García felicitou a AJE Galicia e ás persoas que fixeron posible a xornada, subliñando a importancia deste tipo de encontros “para compartir experiencias, tecer redes e aprender de quen xa percorreu parte do camiño”. 

A deputada destacou que o emprendemento ten un papel fundamental no desenvolvemento económico e social da provincia. “Detrás de cada novo negocio hai esforzo e ilusión, pero tamén a capacidade para xerar emprego, dinamizar os nosos concellos e abrir novas oportunidades de futuro”, afirmou. 

García lembrou que a creación de emprego estable, de calidade e vencellado ao territorio é un dos eixos centrais da acción da Deputación da Coruña. Neste sentido, explicou que a área de Emprego conta neste ano 2026 cunha dotación de 16,3 millóns de euros, destinada a reforzar o apoio ao tecido produtivo local, ás persoas emprendedoras, ás pemes e aos autónomos. 

A deputada puxo en valor o Plan de Emprego Local (PEL) como a principal ferramenta da institución provincial neste ámbito. Entre 2016 e 2025, o PEL mobilizou máis de 127 millóns de euros e permitiu crear 8.131 empregos na provincia, consolidándose como “un motor clave para fixar poboación, promover o traballo estable e mellorar a competitividade das empresas, cun foco especial no medio rural”. 

Rosa Ana García incidiu tamén no valor das redes e da colaboración entre administracións, empresas e persoas emprendedoras. “Moitas veces, unha conversa, un contacto ou unha idea compartida poden ser a semente dunha gran iniciativa empresarial”, sinalou. 

Na clausura, a deputada trasladou unha mensaxe de confianza no talento emprendedor galego. “As administracións temos a responsabilidade de acompañar ese talento, poñendo as ferramentas necesarias para que poida florecer”, concluíu. 

O acto contou tamén coa participación de Luciano Covelo, presidente de AJE Galicia; Juan José Couce Prego, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Eva Rosende, presidenta de AJE A Coruña; e representantes do tecido empresarial e emprendedor galego. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias