El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Deportes

RECEPCIÓN AO BÁSQUET CORUÑA

O Concello homenaxea ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB

08-06-2026 16:44:28
Inés Rey (c).

REDACCIÓN | O Concello da Coruña rendeu hoxe homenaxe ao Leyma Básquet Coruña polo seu ascenso á Liga ACB nun acto institucional celebrado no Salón de Sesións do Palacio Municipal e presidido pola alcaldesa, Inés Rey. 

Na recepción participaron tamén o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o presidente do club, Pablo de Amallo; o adestrador, Carles Marco; os capitáns Didac Cuevas e Guillem Jou; así como integrantes da plantilla, do corpo técnico e da xunta directiva da entidade. 

Durante a súa intervención, a alcaldesa trasladou os parabéns da cidade a todas as persoas que forman parte do proxecto deportivo do Leyma Básquet Coruña e destacou o valor dun ascenso que cualificou como “histórico” para o deporte coruñés. 

“Conseguistes algo co que esta cidade levaba anos soñando. Ninguén poderá quitarvos nunca o mérito de devolver ao Leyma Básquet Coruña á ACB”, sinalou Rey, que agradeceu o traballo realizado pola plantilla, o corpo técnico, o persoal do club e a súa directiva.  

A rexedora destacou tamén a capacidade do equipo para conectar coa cidadanía e converterse nun referente deportivo e social para a cidade. Neste sentido, sinalou que “o éxito do Leyma Básquet Coruña é tamén o éxito da Coruña”, xa que o club leva o nome da cidade por toda España e contribuíu a que milleiros de coruñeses e coruñesas volvan sentirse identificados, ilusionados e orgullosos do seu equipo. 

Inés Rey aproveitou ademais a recepción para poñer en valor o momento que vive o deporte coruñés. “Hoxe A Coruña está de moda grazas ao deporte”, afirmou a alcaldesa, que destacou que toda España fala dunha cidade que contará cun equipo na máxima categoría do fútbol e cun equipo na máxima categoría do baloncesto. 

A alcaldesa subliñou que o ascenso do Leyma Básquet Coruña forma parte dun momento especialmente positivo para o deporte local e destacou o papel dos clubs coruñeses na proxección exterior da cidade. Neste sentido, trasladou tamén os seus mellores desexos ao Hockey Club Liceo de cara aos seus vindeiros compromisos deportivos. 

O acto concluíu coa entrega dunha reprodución da Torre de Hércules de Sargadelos ao presidente do Leyma Básquet Coruña, Pablo de Amallo, como lembranza institucional deste ascenso, e cunha fotografía de familia de todos os participantes no Salón de Sesións de María Pita.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias