REDACCIÓN | O Teatro Colón da Coruña encherase este venres para acoller, a partir das 20:00 horas, a gala de entrega de premios do XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, coa asistencia do deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo.
O certame, organizado durante décadas polo IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña, pecha con éxito unha nova edición marcada pola elevada participación e pola consolidación desta iniciativa como unha das principais citas das artes escénicas non profesionais e escolares de Galicia.
Nesta edición representáronse un total de 74 obras teatrais, procedentes maioritariamente da provincia da Coruña, pero tamén doutras zonas de Galicia e de comunidades autónomas como Madrid e o País Vasco. Do total de propostas, 35 corresponderon á categoría afeccionada e 39 ás categorías escolares: 21 infantís, 14 cadetes e 4 benxamíns.
Ao longo dos últimos meses, as obras seleccionadas representáronse durante as fins de semana nas instalacións do IES Rosalía Mera, convertendo o centro nun punto de encontro para os afeccionados ao teatro da cidade e a provincia. O certame bateu este ano récord de participación, cun total de 947 persoas entre alumnado, docentes, actores, actrices, directores e equipos de apoio.
A gala deste venres servirá para recoñecer o traballo realizado polas compañías e centros educativos participantes e para poñer en valor o importante papel das artes escénicas como ferramenta educativa, cultural e de desenvolvemento persoal para persoas de todas as idades.
Durante o acto daranse a coñecer os galardóns das distintas categorías e entregarase o recoñecemento aos mellores montaxes, interpretacións e propostas escénicas desta XXVII edición do certame.