REDACCIÓN | O Concello participou hoxe na iniciativa “Tu ciudad se llena de pianos”, unha actividade musical organizada pola Fundación Occident e o Concurso Internacional Maria Canals que consiste en despregar instrumentos e músicos polas zonas máis emblemáticas de diferentes cidades.
Así, A Coruña convértese na cuarta parada da xira deste ano. A cidadanía coruñesa poderá desfrutar durante toda a xornada de 8 pianos de cola situados en prazas concorridas da cidade como María Pita, praza de Lugo ou praza de Azcárraga, así como outras localizacións destacas como o Paseo Marítimo, Cantóns ou Xardíns de Méndez Núñez.
“Esta actividade dálle á cidade unha vitalidade e alegría asombrosas. A música pode cambiar o mundo. No Goberno de Inés Rey cremos nela como unha ferramenta fundamental na educación e na transmisión de valores. Proxectos como “Tu ciudad se llena de pianos” sempre serán benvidos á Coruña”, apuntou o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego.
Os pianos estarán ao dispor de toda a cidadanía ata as 20.00 horas. Músicos/as profesionais, estudantes de música, nenos/as, persoas afeccionadas ou calquera que de forma espontánea queira gozar tocando ou vendo tocar o piano nas rúas da cidade poderá desfrutar desta acción cultural e participativa.
Os 8 pianos atoparanse nas seguintes localizacións
.- Praza de María Pita
.- Cantóns (Obelisco)
.- Praza de Lugo
.- Rúa San Andrés (praza Santa Catalina)
.- Avenida do Porto
.- Xardíns de Méndez Núñez (ao lado do quiosco)
.- Praza de Azcárraga
.- Paseo Marítimo (explanada do Playa Club)
Ignacio Gallardo-Bravo, director da Fundación Occident, destaca que “coa chegada de “Tu ciudad se llena de pianos” á Coruña queremos achegar a música –e, en especial, a práctica universal do piano- a toda a cidadanía. Invitamos aos coruñeses e ás coruñesas a que se acheguen a calquera destes oito pianos, a desfrutar da música e atreverse a tocar nalgúns dos lugares máis emblemáticos da cidade. É unha iniciativa viva, aberta a todo o mundo, e estamos convencidos/as de que A Coruña a recibirá con entusiasmo e gozará dunha xornada tan especial coma esta”.
Pola súa banda, Jordi Vivancos, director do Concurso Maria Canals, indica: "Esta iniciativa permite descubrir o enorme talento musical que existe nas nosas cidades. Durante unhas horas, as rúas deixan de ser unicamente lugares de paso para converterse en escenarios de encontro, creatividade e emoción compartida".
Os mellores momentos da xornada poderanse compartir nas redes sociais coa etiqueta #PianosACoruña. Esta acción enmárcase nun proxecto de ámbito nacional que pretende promover a divulgación e a práctica universal da música a través da participación cidadá.