REDACCIÓN | O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27, que nos vindeiros meses sumará unha nova actuación de mellora no Ensanche, onde se acometerá a ampliación do parque infantil da praza de Pontevedra.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da saída a concurso das obras, que suporán un investimento de 432.000 euros. O obxectivo principal é que a superficie actual de xogos gañe capacidade e sume novos equipamentos, “unha medida que entendemos necesaria, dada a afluencia diaria de nenas e nenos que fan uso do parque”, tanto en horario de mañá—polo alumnado do CEIP Eusebio da Guarda— como pola tarde.
O parque infantil conta, a día de hoxe, con capacidade para 94 persoas usuarias. Tras a ampliación da instalación, duplicarase ata máis de 200. O abano de actuacións inclúe a renovación da superficie amortecida, e tamén a incorporación de novos xogos de carácter inclusivo, que fomenten o desenvolvemento sensorial e a integración das crianzas con mobilidade reducida.
Ademais dos traballos sobre a área infantil, o Concello aproveitará tamén para executar melloras na rede de rega, os espazos axardinados e o mobiliario urbano da contorna.
As melloras previstas na área de xogos súmanse á renovación da iluminación que se executará no conxunto da praza para que a rede gañe en eficiencia e aforro enerxético. A dita intervención saíu a concurso a inicios deste mes de xuño e suporá un investimento engadido de 450.000 euros.
Un novo pulo ao Plan de parques infantís
Nas últimas semanas, o Executivo local vén avanzando nas accións correspondentes ao Plan de parques infantís 2025-2030, unha medida promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de que, a medio prazo, todas as familias da cidade teñan, como mínimo, un parque infantil a dez minutos da súa vivenda.
Tras a recente renovación do parque infantil da Palloza, o Concello segue dando pasos firmes para executar a renovación da área de xogos da gardaría do Ventorrillo, a primeira da cidade que contará coa súa superficie cuberta.
Ademais, xa se están a ultimar os trámites para iniciar as obras de ampliación e remodelación do parque infantil da praza de Portugal.
Luz verde á humanización da rúa Ramón de la Sagra, no Ensanche
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de humanización da rúa Ramón de la Sagra, co que se reforzan así as accións do Plan de barrios 2025-27 nesta parte do Ensanche, onde se investirán 357.000 euros.
O obxectivo, tal e como explicou a alcaldesa, é actuar no conxunto da rúa para mellorar a súa accesibilidade peonil e gañar espazos públicos que permitan reverdecer o percorrido con novas árbores. Isto será posible grazas ao actual ancho da calzada, que facilitará a ampliación das beirarrúas sen que isto teña impacto na circulación do tráfico nin no estacionamento.
As obras tamén permitirán unificar a imaxe do percorrido peonil que conecta coa contorna de Alfonso Molina, onde está en execución a renovación das beirarrúas entre Fernández Latorre e José Cornide.
O Concello avanza na regularización das concesións
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno Local deste mércores deuse un paso máis no plan de ordenación das concesións municipais, para o que se creou unha instrución específica a mediados do ano pasado.
Neste sentido, hoxe aprobouse a transmisión da concesión administrativa da farmacia de Durmideiras, adxudicada no ano 2001, cunha débeda acumulada de case 600.000 euros coa Administración local, pagamentos pendentes que agora serán saldados como paso previo á transmisión da concesión para a explotación da oficina de farmacia no barrio. Deste xeito, o Concello logra recuperar unha débeba que vén de décadas atrás.
Avances para recuperar catro aparcadoiros municipais
Tamén ao abeiro do plan de ordenación das concesións municipais, hoxe aprobouse a desestimación dos recursos interpostos polas entidades xestoras dos aparcadoiros municipais de María Pita, praza de Galicia, San Cristovo e Mestre Mateo, outorgados en réxime de concesión a Aparcamientos REO a inicios dos anos noventa.
Tal e como se informou meses atrás, o Concello constatou incumprimentos graves e continuados no tempo na explotación dos catro aparcadoiros, con informes municipais que constatan que REO incumpriu obrigas esenciais na xestión dos ditos aparcadoiros.
Por iso, o Concello está a traballar nos trámites necesarios para recuperar estas catro concesións e declarar a súa caducidade, co obxectivo de volver licitalas. Dita actuación forma parte tamén lo plan de concesións para a mellora da xestión dos bens públicos municipais.