REDACCIÓN | A Fundación Semana Verde de Galicia celebrou hoxe no recinto feiral a reunión do seu Padroado, presidida polo secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, en calidade de vicepresidente do Padroado. No encontro fíxose balance das actividades celebradas no que vai de ano, que suman 12 eventos maiores e 13 menores, ademais de 23 sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.
Respecto a estas citas, son destacables os resultados da 48ª Abanca Semana Verde de Galicia, a mellor dos últimos 19 en canto a expositores directos, con 793 empresas e entidades, ademais de acadar récord de participación e superficie nos seus salóns de alimentación e turismo e recibir máis de 109.000 visitantes.
Tamén son salientables os datos da Central Agropecuaria ata a poxa do pasado martes 16 de xuño. Ata esta sesión asistiron 29.342 animais, un 0,4% máis que os rexistrados a estas alturas en 2025, mentres que as transaccións ascenderon a máis de 34,8 millóns de euros, un 22,2% máis que daquela. Así mesmo, no que vai de ano rexistráronse varios récords históricos, como o maior prezo medio do mercado na categoría de vacún maior e tamén a maior cantidade pagada na Central por unha vaca,10.393 euros.
Máis eventos e incremento do presuposto de 2026
A Fundación comezará un segundo semestre marcado por importantes citas no seu calendario. Así, do 2 ao 4 de xullo celebrará Galiforest ABANCA coa confirmación xa de que será a maior edición deste monográfico forestal tanto en presenza expositiva como en superficie. Sumaranse outros eventos destacados, como a cita ecuestre Equina, o Motor Show ou a party informática XGN Intermax.
Deste xeito, a entidade completará un ano con moi boas perspectivas e no que se incrementa o orzamento establecido inicialmente, con previsión de chegar aos 5 millóns de euros, debido, entre outros aspectos, ao acondicionamento do ring hípico. Un orzamento que non se rexistraba desde a construción do recinto.
No encontro tamén se aprobaron as contas do ano 2025, no que a Fundación acadou uns resultados equilibrados no que se refire a actividade e, ademais, realizou investimentos por importe de máis de 300.000 euros destinados á mellora das instalacións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA. Un investimento que respondeu tanto á boa situación económica da Fundación para poder levalas a cabo como á intención de reforzar este mercado e potenciar a súa actividade, dadas as cifras que a acreditan como ferramenta ao servizo do gandeiro para maximizar os prezos do seus animais.
Esta accións correspondéronse coa ampliación da Central a través do acondicionamento dun terceiro pavillón, o que está a supoñer unha importante mellora na operatividade dos usuarios e ao mesmo tempo un incremento de ingresos ao concorrer máis animais ao mercado, e tamén con outro tipo de acondicionamentos na Central que inclúen desde renovación de equipamento informático ata sistemas de vixilancia.
No pasado exercicio tiveron lugar 27 eventos maiores e 20 menores, ademais das sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que con máis de 59 millóns de euros aumentou as súas transaccións nun 49,3% respecto ao ano anterior e volveu rexistrar o maior volume de facturación da súa historia.