El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA

O Concello impulsa a reparcelación do soar de Defensa en Agrela

Coa previsión de habilitar espazos para o futuro servizo de transporte urbano.

01-07-2026 14:07:45
José Manuel Lage (c).

REDACCIÓN | O Goberno municipal avanza cos trámites necesarios para concretar a reparcelación do antigo Cuartel de Automóbiles de Agrela, un soar que pertence ao Ministerio de Defensa e onde está previsto efecutar un repartimento dos terreos que lle permitiría ao Concello dispor do espazo necesario para acoller novos equipamentos públicos. 

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Executivo local, informou hoxe da aprobación inicial do proxecto de reparcelación, que chega a este punto tras varios meses de traballo e con todos os informes técnicos favorables. 

Lage lembrou que esta parcela, lindeira á estrada de Baños de Arteixo, leva sen uso moitos anos. Tal e como indicou o edil na rolda de prensa desta mañá, o obxectivo do Goberno de Inés Rey é obter parte do soar para urbanizalo “porque entendemos que, pola súa localización, pode ser un enclave de grande utilidade para albergar dependencias que faciliten a loxística do transporte urbano con vistas ao novo contrato que imos licitar proximamente”. 

O proxecto de reparcelación que está a promover o Concello contempla dispor de algo máis da metade deste soar, uns 21.000 metros cadrados da superficie total existente (42.000). “Isto, en termos prácticos, outorgaríanos unha edificabilidade de 38.000 metros cadrados. Dita superficie permitirá contar non só con espazo para cocheiras, senón tamén albergar outros servizos públicos que poderían resultar necesarios, e todo isto sen custo algún para o Concello, que doutro xeito tería que desembolsar importantes cantidades para poder disponer de terreos con estas superficies”, expuxo o concelleiro. 

Tras esta aprobación inicial do proxecto na Xunta de Goberno Local, ábrese un prazo de exposición pública de 30 días, a canle habitual nestes casos antes de proceder á aprobación definitiva do mesmo. 


Melloras no xacemento arqueolóxico do convento de San Francisco 

Tamén este mércores, o Concello deu un novo paso na súa folla de ruta para revitalizar a Cidade Vella e os conxuntos patrimoniais da súa contorna, que inclúen o xacemento do antigo convento de San Francisco, onde o Executivo local acometerá melloras na súa accesibilidade e renovará o peche perimetral do recinto. 

A saída a concurso dos traballos aprobouse hoxe na Xunta de Goberno Local. O investimento previsto, máis de 160.000 euros financiados con fondos estatais, inclúen tamén o acondicionamento das sendas de paso e a modernización dos paneis interpretativos que permiten profundar na evolución deste enclave, onde se conservan restos arqueolóxicos asociados á Idade Media. 

Ao longo do tempo, as sondaxes e investigacións efectuadas no xacemento non só contribuíron a ampliar os coñecementos sobre a historia da Coruña, senón tamén á posta en valor dun recinto que, visible tras o Museo Militar e a Fundación Luis Seoane, agora será adaptado e renovado. 

“Imos, paso a paso, abríndolle camiño ás intervencións de mellora formuladas no conxunto do barrio, que na súa maior parte contemplan a restauración de pavimentos históricos coma no caso da praza das Bárbaras, tamén adecuacións nos percorridos peonís para que persoas con mobilidade reducida poidan acceder sen dificultades a puntos como este xacemento”, razoou Lage. 

As actuacións na contorna do antigo convento de San Francisco son a quinta intervención de mellora impulsada polo Executivo local na Cidade Vella desde finais do ano pasado. 

Nos últimos meses, o Concello puxo en marcha a renovación da instalación eléctrica do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón e, xa posteriormente, abriu os trámites de contratación para restaurar as praza das Bárbaras, o mausoleo de Sir John Moore e, ademais, as sondaxes que permitirán profundar na historia da casa da Sinagoga, adquirida polo Concello no pasado mandato. Tamén está previsto restaurar a praza de Azcárraga. 


Renovación de tres espazos biosaudables na cidade 

Tamén en materia de infraestruturas, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación dos traballos para renovar as áreas biosaudables existentes nos parques de Oza, a Sagrada Familia e a contorna das Lagoas. 

Tal e como explicou Lage Tuñas esta mañá, “A Coruña é unha cidade que, pouco a pouco, está a gañar moitos máis espazos públicos nos que fomentar a práctica deportiva ao aire libre. Temos exemplos moi visibles no día a día, como o carril runner do paseo marítimo, mais tamén coa creación e apertura de máis equipamentos como as áreas deportivas de calistenia e os parques biosaudables”. 

Os biosaudables concibíronse especialmente para fomentar a práctica de exercicio físico para persoas maiores, e Lage apuntou que, nos últimos anos, “o Concello vén traballando arreo para modernizar as áreas xa existentes, como fixemos tempo atrás en Palavea, e tamén para crear outras novas en distritos onde tiñamos esta carencia, como a Urbanización Breogán”. 

Nesta quenda, o Goberno local vai abordar a renovación de tres espazos biosaudables nos que, ademais de ampliar a súa capacidade actual e renovar o firme, incorporaranse novos equipamentos de tonificación muscular, con materiais máis resistentes e adaptados fronte ás inclemencias meteorolóxicas. En total, o Concello investirá máis de 330.000 euros nesta actuación que sae xa a concurso. 


Licenza para a construción dun cento de vivendas a carón da Ponte Pasaxe 

Ademais, na Xunta de Goberno Local fíxose balance dos permisos autorizados desde a Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda. Como medida destacada, hoxe aprobouse a licenza de obra para a construción dunha nova promoción de máis dun cento de vivendas no lugar de Pedro Fernández, moi preto da Ponte Pasaxe. 

Na rolda de prensa cos medios de comunicación, Lage apuntou que xa días atrás se reactivaron as obras de urbanización da contorna, despois de que en maio se aprobase definitivamente a declaración deste sector como Zona de Situación Acústica Especial. Iso permitiu que Fomento emitise dictame favorable para que os traballos sobre o terreo volvan estar en execución. Agora, o Concello outorga a licenza necesaria para erixir a primeira edificación alí prevista.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias