REDACCIÓN | O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración de Galiforest, feira bianual do sector forestal que se celebrará desde hoxe ata o sábado no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón). No acto, estivo acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; polo director da Axencia Galega de Industria Forestal, Alfredo Fernández; pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Percorreu as instalacións da man director xeral da Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Durante a súa intervención, Diego Calvo destacou o papel estratéxico do sector forestal para a economía galega, tanto pola súa contribución á actividade produtiva como á xeración de emprego e á cohesión do rural. Nesta liña, subliñou que Galiforest se consolidou como o gran punto de encontro do sector forestal en España, nun espazo singular que permite comprobar sobre o terreo o funcionamento da maquinaria, das novas tecnoloxías e das solucións máis innovadoras en condicións reais de traballo.
A feira celebra a súa oitava edición consolidada como a principal cita do sector forestal en España e volverá bater todos os seus rexistros, ao reunir 387 representadas por 125 expositores directos na maior superficie expositiva da súa historia, con 18.162 metros cadrados netos. Ademais, será a edición máis internacional, con 14 expositores estranxeiros, o que supón un incremento do 27% con respecto á convocatoria anterior, reforzando así a súa proxección exterior e a súa capacidade para atraer empresas e profesionais de referencia.
Durante tres días, Galiforest reunirá empresas, institucións e profesionais do sector forestal, con expositores especializados en maquinaria forestal, silvicultura, biomasa, prevención e extinción de incendios, vehículos todoterreo, drons, ferramentas, vestiario e outras solucións tecnolóxicas para o sector.
O certame contará tamén cun amplo programa de actividades, entre as que destacan as demostracións continuadas de maquinaria en condicións reais de traballo, o VIII Concurso de Innovación Galiforest Abanca, que esta tarde fallará os seus galardóns entre os dezaoito proxectos presentados, e tamén o II Simposio Ibérico de Silvicultura, no que expertos de catro países están a analizar temas que marcan nestes momentos a evolución do sector, como silvicultura resiliente, mellora xenética, innovación aplicada ao monte, novas tecnoloxías, produtividade forestal ou transferencia de coñecementos entre ciencia, industria e territorio. Súmanse obradoiros, probas profesionais de motoserra ou exhibicións do denominado deporte da madeira.