El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

A CORUÑA

O Concello facilitará a creación de máis de 500 novas vivendas públicas en Xuxán

A concelleira Noemí Díaz despídese da Corporación municipal, e a súa acta e acta será asumida proximamente por Jesús Celemín.

02-07-2026 13:56:24
Inés Rey (c).

REDACCIÓN | O Concello dá un paso máis na súa liña de acción para promover a creación de máis vivenda pública na cidade da Coruña. Concretamente, no barrio de Xuxán, que será obxecto dunha modificación puntual no Plan Xeral para facilitar a construción de 500 novos pisos protexidos. 

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, informou hoxe dos cambios que incorpora esta adaptación do PXOM en Xuxán, onde unha das principais novidades será a recalificación de solo terciario para, precisamente, propiciar o incremento da bolsa residencial dispoñible. 

Ademais, a modificación aprobada de forma provisional no pleno ordinario deste xoves, dará cumprimento ao convenio que se asinou cos propietarios orixinais das parcelas situadas na marxe dereita do ámbito, que se ordenará como núcleo rural para conservar as vivendas alí existentes. 

Outro dos eixes clave que sustenta esta adecuación puntual do PXOM en Xuxán é que se adapta o bordo lindeiro a Alfonso Molina para incorporar tanto o proxecto que está en execución na avenida como para permitir o futuro vial que debe conectar directamente co desenvolvemento de Xuxán, un aspecto clave para a mobilidade do barrio. 

Na súa intervención, Francisco Díaz Gallego tamén fixo fincapé no compromiso amosado polo Goberno de Inés Rey nas súas conversas co IGVS, para que esta modificación permita manter usos terciarios nos baixos, “unha medida fundamental para garantir a dinamización do barrio, especialmente nun como Xuxán, que é de nova creación”. 


Avances para a construción de máis vivenda pública nos Rosales 

Tamén esta mañá, o pleno aprobou o estudo de detalle correspondente á ordenación dos volumes edificables na parcela 5-D da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales. 

Na súa quenda de intervención, Díaz Gallego lembrou que o Concello vén dando pasos firmes para executar a edificabilidade prevista neste ámbito. Primeiro, promovendo a recuperación do antigo esqueleto urbanístico existente na zona, abandoado desde a crise financieira do ano 2008 e que, tras máis case dúas décadas sen avances, conta con licenza para a súa rehabilitación xa desde o ano pasado. 

Por outra banda, o edil apuntou que nesta parcela tamén está a superficie municipal cedida polo Concello ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para crear máis vivenda pública. Concretamente, máis de 60 en virtude desta cesión. 


Axustes no desenvolvemento de Visma próximo aos Mariñeiros 

Tamén en materia de desenvolvemento urbanístico, o pleno deu luz verde ao estudo de detalle da zona Z4-R15, no polígono de Visma. 

O estudo, que estima a modificación de volumes nos bloques de edificios máis próximos ás vivendas de Mariñeiros, incorpora achegas do Concello atendendo ás peticións veciñais, co obxectivo de adaptar as futuras construcións á súa contorna. 


O Concello reunirase este mes coas asociacións de taxistas da cidade 

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Concello se reunirá este mes coas dúas asociacións de taxistas da cidade (Tele Taxi e Radio Taxi) para consensuar con elas a proposta municipal para a seguinte mesa que se convoque de cara ao desenvolvemento da Área de Prestación Conxunta que promoven Concello e Xunta. 

“Apostar pola área de prestación conxunta é unha proposta que fixemos hai dous meses e que, por certo, contou co apoio do colectivo de taxis da cidade. Imos seguir dialogando co sector, porque a nosa prioridade son os cidadáns e mellorar os servizos”, dixo Lage. 

A reunión prevista coas dúas asociacións terá lugar o vindeiro 16 de xullo en María Pita, e dá continuidade ao diálogo que o Concello leva a cabo co sector para mellorar os servizos. 


A concelleira Noemí Díaz despídese da Corporación municipal 

A sesión plenaria tamén tivo un cariz especial pola despedida da concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que presentou a súa renuncia ao cargo a semana pasada para iniciar unha nova etapa profesional. 

Díaz expresou que este adeus chega tras un período de reflexión e “coa convicción de que é o momento adecuado para iniciar esta etapa”. A edil expresou o seu agradecemento “pola honra que supuxo representar á cidadanía da Coruña desde esta Corporación”, unha experiencia que a concelleira valorou pola aprendizaxe diaria e a responsabilidade inherente ao cargo, “que procurei exercer sempre desde o máximo respecto, lealdade e compromiso cara a nosa cidade”. 

Na súa despedida, Noemí Díaz tivo palabras de agradecemento para as compañeiras e compañeiros da Corporación, tamén para o persoal municipal, “que pola súa dedicación, profesionalidade, coñecemento e dedicación sosteñen o funcionamento desta institución”, e para as veciñas e veciños da Coruña. 

A acta de Díaz será asumida proximamente por Jesús Celemín, seguinte nas listas do grupo municipal do PSdeG - PSOE. Celemín volverá, desta maneira, ao Palacio Municipal de María Pita, onde xa foi edil durante o pasado mandato 2019-2023.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias