REDACCIÓN | Monforte de Lemos celebra desde hoxe e durante toda a fin de semana a VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra que, un ano máis, converte o Paseo do Malecón no gran punto de encontro dos amantes do viño, da gastronomía e da cultura deste territorio.
O acto inaugural desenvolveuse desde as 20.45 horas no palco do recinto coa actuación da agrupación monfortina Xograres de Lemos e a participación do Alcalde, José Tomé Roca, acompañado por membros dos Equipo de Goberno e unha ampla representación institucional, así como polo pregoeiro desta edición, o chantadino José Manuel Silva Rodríguez ‘Cuqui Silva’, unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas.
Arrancou así unha nova edición dun Festival que, en palabras do rexedor, “naceu coa finalidade de promocionar e poñer en valor os viños da Ribeira Sacra, un obxectivo común que continúa plenamente vixente, agardando que moi pronto a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial”.
Con xa oito edicións, engade, “o Festival do Viño é xunto coas actividades de Nadal, o desfile de Entroido, a Feira Medieval e as Festas Patronais, un dos 5 eventos máis destacados que teñen lugar no noso Concello ao longo do ano”. Unha cita “de referencia”, en declaracións do Alcalde, “cunha identidade propia baseada nunha coidada imaxe, un programa completo arredor da cultura do viño e unha organización que medra edición tras edición”.
Neste senso, o Alcalde recoñece tamén o esforzo realizado polo sector vitivinícola nos últimos anos, lembrando as dificultades polas que pasaron tanto as adegas como os viticultores. “O sector do viño vén de superar momentos complicados e merece a pena facer este esforzo. Desde o Concello seguiremos apostando pola promoción durante todo o ano, cunha atención especial a este Festival", afirmou.
O éxito acadado por este certame, afirma, “susténtase en tres piares fundamentais, a calidade dos viños da Ribeira Sacra, o crecemento de cada edición amparado nunha organización rigorosa e unha liña de coherencia e de imaxe, e a colaboración cos adegueiros”.
Cuqui Silva, pregoeiro da VIII edición
O pregón da VIII edición correu a cargo de José Manuel Silva Rodríguez, coñecido como Cuqui Silva, natural de Chantada e unha das personalidades galegas máis relevantes no ámbito da agricultura, o desenvolvemento rural e as políticas europeas.
Ao longo da súa carreira ocupou cargos de máxima responsabilidade, entre outros, foi Director Xeral de Agricultura e Director Xeral de Investigación na Comisión Europea, contribuíndo ao desenvolvemento das políticas agrarias e de innovación que marcaron o futuro do sector agroalimentario europeo.
Fillo Predilecto de Chantada, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Oficial da Lexión de Honor da República Francesa.
A súa elección como pregoeiro, apunta Tomé Roca, “constitúe unha homenaxe a unha traxectoria profesional excepcional profundamente vinculada ao mundo agrario e ao desenvolvemento dos territorios rurais, valores que conectan directamente coa identidade da Ribeira Sacra e coa filosofía do noso Festival do Viño”.
Ampla presenza de autoridades
Na inauguración oficial e visita aos stands das distintas adegas que conforman esta VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, o Alcalde de Monforte, estivo acompañado, entre outras autoridades, pola Presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López, a Deputada provincial Pilar García Porto e o tamén Deputado provincial Pablo Rivera; o Presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía; o Secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo e Presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime Luis López Vázquez; o Presidente da Asociación de Empresarios da Hostalería de Lugo, José Francisco Real Castro, así como alcaldes e alcaldesas da zona.
Tamén estiveron presentes os integrantes do Equipo de Goberno do Concello de Monforte, o voceiro do BNG, Emilio López e o concelleiro Manuel Luaces.
27 adegas participantes
Nesta edición participarán un total de 27 adegas adheridas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representando as diferentes subzonas do territorio: A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.
Un recinto máis cómodo, sostible e atractivo
En canto á estética da montaxe e deseño dos stands, o Festival mantén a liña das edicións anteriores, apostando pola madeira en cor natural, tons violeta e granate e elementos decorativos contemporáneos como xardíns verticais e estruturas con teas microperforadas personalizadas.
Gastronomía de proximidade con 12 participantes
A zona gastronómica volverá ser outro dos grandes atractivos do evento, mantendo o número de stands da pasada edición.
Participarán un total de 12 propostas gastronómicas distribuídas por todo o recinto, nas que os visitantes poderán degustar produtos típicos e de proximidade como queixos, embutidos, xamóns, xeados artesáns, panadería tradicional e elaboracións de restauración.
Os participantes desta edición serán Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Quesos MonteCeo, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadería Tuiriz, Panadería La Luna, Restaurante La Table d’Arnaud e Restaurante El Hórreo.
O recinto
O recinto conta novamente cunha importante zona de sombreado, incluíndo o acceso ao palco inaugural, co obxectivo de mellorar a comodidade dos visitantes durante o percorrido polo espazo do Malecón.
Ao longo do recinto hai tótems informativos cos horarios e actividades programadas, ademais de dispoñer de wifi aberto para o público asistente.
Tamén se mantén o sistema de pago mediante tokens personalizados do Festival, que estarán dispoñibles nos stands de recepción.
Outra das novidades desta edición é a instalación dun espazo expositivo cunha mostra retrospectiva cos carteis oficiais de todas as edicións do Festival, interrompidas unicamente polos dous anos de suspensión obrigatoria a causa da pandemia da COVID-19.
Música tradicional e propostas festivas
A programación musical é un dos piares do Festival, con actuacións no propio recinto do Paseo do Malecón. Este venres 3 de xullo, actuaron ás 20.45 horas os Xograres de Lemos, agrupación dedicada á conservación e difusión da música tradicional galega, e ás 23.00 horas, A Roda, un dos grupos máis emblemáticos da música popular galega, con case cinco décadas de traxectoria difundindo a cultura tradicional de Galicia.
Mañá tamén ás 23.00 horas, a música corre a conta de Galifunk, banda galega que fusiona funk, rock, pop e ritmos festivos cunha proposta dinámica e chea de enerxía.
Catas temáticas e unha masterclass internacional de primeiro nivel
As catas e actividades formativas arredor do viño volven ocupar un lugar destacado dentro da programación. Nesta edición o Festival aposta por formatos máis dinámicos e interactivos a través de dúas catas temáticas.
O sábado, de 11.30 a 13.00 horas, celebrarase o obradoiro “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, dirixido pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres, que realizará unha comparativa sensorial entre viños da Ribeira Sacra e viños internacionais elaborados con variedades nobres.
O domingo, no mesmo horario, o sumiller Suso Soneira impartirá “Unha cata, 5 sentidos”, unha experiencia interactiva para descubrir o viño a través dos sentidos e aprender a apreciar o viño explorando aromas, sabores e sensacións en cada copa.
Como unha das grandes novidades desta edición, o sábado 4 terá lugar tamén a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy. A sesión estenderase de 13.30 a 15.00 horas e estará dedicada á influencia dos solos de xisto nos viños da Ribeira Sacra e doutras grandes rexións vitivinícolas internacionais caracterizadas pola viticultura en pendentes extremas.
Actividades infantís e viñorutas pola Ribeira Sacra
O Festival conta novamente cunha programación específica para o público infantil, cun espazo acondicionado á beira do río Cabe no que se desenvolverán contacontos, obradoiros, títeres e actividades creativas.
Entre as propostas destacan o contacontos de Anxo Moure, o obradoiro “Estampa e Imaxina” de Velaísca Animación, un taller de olaría tradicional da Ribeira Sacra impartido por Figulus e a representación de títeres “Sabela e o paxaro máxico” a cargo de Tarabelos.
A programación completarase coas tradicionais ViñoRutas, unha das actividades máis demandadas do Festival, que permitirán descubrir a viticultura heroica da Ribeira Sacra directamente no territorio.
O sábado desenvolverase a ViñoRuta do Sil “Viñas que nacen do Sil”, que incluirá visitas ás adegas Algueira e Adega Vella, ademais dun percorrido en catamarán polo Canón do Sil.
O domingo terá lugar a ViñoRuta do Miño “Entre o Miño e a vide”, con percorrido en zodiac, visita á fervenza de Augacaída, parada na adega Casa Moreiras e unha cata especial organizada por O Segredo do Monxe.
Pulseiras solidarias e tarifas
Como novidade desta edición, o Festival pon en marcha unha iniciativa solidaria a través da venda de pulseiras benéficas de tea cun deseño exclusivo do evento.
O 50% da recadación obtida coa venda de cada pulseira, que terá un prezo simbólico de 1 euro, destinarase a unha asociación benéfica de Monforte.
No que respecta ás tarifas, o Festival introduce unha pequena modificación no prezo dos tokens, atendendo ás peticións formuladas polos adegueiros na pasada edición.
Os tokens pasarán de 2 a 2,50 euros e estableceranse dous tipos de consumicións:
.- 1 token para viños novos tintos e brancos.
.- 2 tokens para viños barrica e outras añadas.O Pack Festival, que inclúe copa, portacopa e un token, manterá o seu prezo de 3 euros.