REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o acto de inauguración da escultura Valentina, a nova obra creada por Miguel Couto e instalada no paseo marítimo de Riazor como homenaxe aos Golfiños de Riazor, o coñecido grupo de bañistas que mantén desde hai décadas a tradición de achegarse diariamente á praia durante todo o ano. A peza, realizada en bronce, foi un encargo do Concello ao artista para honrar a estes homes e mulleres que converteron a súa relación co mar nun exemplo de vitalidade, constancia e compañeirismo. No acto participou tamén o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, xunto con representantes dos Golfiños de Riazor, familiares, veciñanza e numerosas persoas que quixeron acompañar esta homenaxe pública.
Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor o papel dos Golfiños como parte da identidade da cidade. “A Coruña é unha cidade de mar, pero tamén unha cidade de historias humanas extraordinarias. Os Golfiños levan anos demostrando que a amizade, a saúde, o contacto coa natureza e as ganas de vivir non entenden de idade nin de estacións”, sinalou Rey. A rexedora quixo ter mención para as diferentes persoas que integran este colectivo, moitas delas presentes: Marisol, Katy, Mariluz, Arturo, Manolo, Alfredo, Ivonette, María “a andaluza”, María “a asturiana”, Esther, Marga, Mercedes, Ana, José, José Suizo, Toni, Francisco, Josefa, Lourdes, Mila, Ana e Conchi.
Rey destacou que este grupo, coñecido polos seus baños diarios en Riazor e polo emblemático encontro arredor das súas perchas artesanais na zona das Escravas, forma parte xa da memoria colectiva coruñesa: “Representan valores cos que toda a cidade se identifica: a perseveranza, o espírito de comunidade e a capacidade de gozar das pequenas cousas da vida”, afirmou.
A alcaldesa subliñou tamén a relevancia da obra de Miguel Couto, ao que definiu como “un dos artistas que mellor soubo interpretar a alma da Coruña a través da escultura”. Nestesentido, destacou a súa capacidade para observar a vida cotiá da cidade e transformala en patrimonio cultural compartido. “Miguel Couto ten unha mirada singular sobre a Coruña. É capaz de descubrir beleza e significado en escenas que forman parte do noso día a día e convertelas en obras que permanecen para sempre na paisaxe urbana”, indicou.
A presenza da obra de Miguel Couto no espazo público da cidade exemplifica tamén a aposta do Goberno de Inés Rey por poñer en valor a identidade coruñesa a través da arte urbana. Así, no ano 2021 instalouse a escultura Sardiña na rotonda da praza de España, como homenaxe ao San Xoán coruñés, unha das celebracións máis representativas da cidade. Posteriormente, en 2022 presentouse En feminino, situada na praza de Tabacos, unha homenaxe ás cigarreiras da antiga Fábrica de Tabacos, no quilómetro cero da Coruña das mulleres e símbolo do recoñecemento ao seu papel na historia social e laboral da cidade. Agora súmase unha nova creación de Miguel Couto, que continúa esta liña de posta en valor da memoria, das tradicións e da identidade da Coruña a través da escultura.
A escultura, inspirada nunha das integrantes do grupo e elaborada en bronce, ocupa desde hoxe un lugar privilexiado no paseo marítimo, moi preto do espazo que os Golfiños levan anos convertendo nun punto de encontro diario. A obra naceu da impresión que causou no artista a observación deste colectivo, ao que definiu como “unha lección de vida”.
Como peche do acto, a alcaldesa, acompañada por Manuel Vázquez e o propio Miguel Couto, fíxolles entrega dunha réplica conmemorativa da escultura aos “golfiños” e “golfiñas” presentes na inauguración, como recordo desta homenaxe colectiva e en recoñecemento á súa contribución a facer da praia de Riazor “un espazo de convivencia, amizade e identidade cidadá”. “Desde hoxe, Valentina quedará para sempre mirando ao mar e lembrándonos que as cidades son, sobre todo, as persoas que lles dan vida cada día”, concluíu a alcaldesa.