REDACCIÓN | O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, impulsa unha nova edición de Son & Mar A Coruña, un ciclo cultural e musical que converterá o porto da cidade nun dos grandes escenarios do outono galego cunha programación composta por doce eventos entre os meses de setembro e outubro. A iniciativa combinará concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas de acceso gratuíto, reforzando a posición da Coruña como destino de referencia para o turismo cultural e de eventos.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación da programación. “Grazas ao impulso dado polo Goberno de Inés Rey, continuamos a reforzar o posicionamento da Coruña como unha cidade capaz de atraer grandes eventos ao longo de todo o ano, ampliando a oferta cultural máis aló da tempada estival e xerando novas oportunidades para o sector turístico e hostaleiro”, indicou Castro, que destacou a confluencia das diferentes institucións públicas participantes (Concello, Autoridade Portuaria e Xunta de Galicia) para acadar un ciclo de tan alto nivel.
Ao longo de case un mes de programación, máis de trinta artistas locais, nacionais e internacionais participarán nunha proposta que aposta pola diversidade musical e pola creación de experiencias dirixidas a públicos de diferentes idades e intereses. O ciclo reunirá estilos como o pop, o indie, a música urbana, o reggaetón, a electrónica ou a música de raíz galega, sempre cun elemento común: a celebración da música xunto ao mar.
Castro subliñou tamén que “este ciclo encaixa perfectamente na estratexia municipal deapostar por unha programación diversa, aberta a todos os públicos e capaz de combinargrandes nomes internacionais co talento galego, levando ademais a actividade cultural a un espazo tan singular como o porto da Coruña”.
O ciclo arrancará o 18 de setembro coa actuación do recoñecido DJ e produtor italiano Gabry Ponte, unha das figuras internacionais máis destacadas da música dance, e continuará cun programa que inclúe propostas tan diversas como o Picapop Tardeo, as xornadas familiares de Mundo Juego, a fusión de música electrónica e flamenco de Sacro Mestiza, a cita urbana Dale Flow ou a festa internacional Bresh XXL.
A programación reserva tamén un espazo destacado para a creación galega a través de propostas como Orballo Cultural e Treboa Sonora, ao tempo que incorpora eventos gratuítos orientados á participación cidadá, consolidando Son & Mar como unha iniciativa cultural aberta e accesible. “O noso obxectivo é que a Coruña siga sendo un referente cultural no noroeste peninsular e que eventos como Son & Mar sirvan para atraer visitantes, dinamizar a economía local e ofrecer á cidadanía unha programación atractiva e de calidade”, engadiu Gonzalo Castro.
A programación culminará o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, unha gran festa dedicada á música electrónica que porá o broche final a un ciclo chamado a consolidarse como unha das principais citas culturais do outono galego.
Programación de Son & Mar A Coruña 2026
.- 18 de setembro | Gabry Ponte
.- 19 de setembro | Picapop Tardeo. Sesión musical con DJs e grandes éxitos do pop nacional e internacional.
.- 20 de setembro | Mundo Juego (gratuíto). Xornada familiar con actividades e propostas participativas.
.- 25 de setembro | Sacro Mestiza. Fusión de música electrónica e flamenco creada polo dúo Mestiza.
.- 26 de setembro | Dale Flow. Noite dedicada ao reggaetón e aos novos sons urbanos e latinos.
.- 27 de setembro | Orballo Cultural (gratuíto). Encontro arredor da música galega e da cultura de raíz.
.- 2 de outubro | Equis. Proposta centrada nas novas tendencias musicais contemporáneas.
.- 3 de outubro | Treboa Sonora. Festival dedicado ao talento musical galego emerxente e consolidado.
.- 4 de outubro | Mestizo Runner (gratuíto). Evento que combina música, deporte e participación cidadá.
.- 9 de outubro | Bresh XXL. A popular festa internacional chega ao porto da Coruña cun gran formato.
.- 10 de outubro | One Dance. Edición Tardeo. Homenaxe á música dance das décadas dos 90 e 2000.
.- 11 de outubro | Wake Up! Festival. Clausura do ciclo cunha gran celebración da música electrónica.