REDACCIÓN | A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC impulsa un novo máster en Gobernanza Dixital dirixido a Marrocos, Tunisia e PalestinaO equipo galego do proxecto OpenPSM*, enmarcado no grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), impulsa unha iniciativa Erasmus+ de Reforzo de Capacidades no Ensino Superior que está a desenvolver un novo máster en Gobernanza Dixital que conecta a tecnoloxía, a democracia e a participación cidadá en toda Europa e a rexión do sur do Mediterráneo, en concreto nos países de Marrocos, Tunisia e Palestina.
O proxecto do que forma parte a USC, e que leva por nome Digital Bridges, vén de celebrar a súa reunión de seguimento na Universidade Ibn Zohr de Agadir (Marrocos); un encontro que reuniu ás institucións socias participantes para seguir avanzando no deseño e implementación do programa internacional, unha vez se deu por rematada a súa primeira fase.
Por parte da Facultade de Ciencias da Comunicación participaron tres membros do PSM Team: Martín Vaz, Marta Rodríguez e Tania Lombao, que contribuíron aos traballos de análise de necesidades, desenvolvemento curricular e planificación das actividades de reforzo institucional. Alí tiveron a ocasión de estar acompañados polo vicepresidente de Investigación e Cooperación da Ibn Zohr University, Mohamed Wakrim, e polo decano da Facultade de Linguas, Artes e Humanidades da Ibn Zorh Universit, Abdelkhaleq Jayed. A vindeira reunión do grupo prevese que sexa en Roma o vindeiro ano.
Máis sobre 'Digital Bridges'
Digital Bridges é unha colaboración internacional que desenvolve un consorcio de universidades e organizacións que integra once socios de seis países —Estonia, Italia, España, Palestina, Tunisia e Marrocos—, coordinada pola Universidade Tecnolóxica de Tallin (TalTech).
O proxecto crea un programa interdisciplinar de 120 ECTS (Sistema Europeo de Transferencia E Acumulación de Créditos) que combina goberno dixital e servizos electrónicos, democracia dixital e participación, toma de decisións baseada en datos, intelixencia artificial e ética, alfabetización mediática e cidadanía dixital, e innovación pública.
A previsión é que o novo Máster poida estar en marcha no ano 2028 e será presentado en Palestina. Vai estar dirixido principalmente a mozos e mozas de Tunisia, Palestina e Marrocos. Tamén se prevé un intercambio de profesorado entre as universidades participantes, o que vai constituír unha importante fonte de enriquecemento tanto para o alumnado, como para os socios membros.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC foi integrada neste proxecto internacional pola súa experiencia previa e está a xogar un papel destacado no deseño das materias que formarán parte do Máster.
A participación palestina no consorcio
Digital Bridges conta coa participación de dúas institucións palestinas de referencia: a Universidade Al-Quds e a Palestine Technical University–Kadoorie (PTUK). A súa integración no proxecto constitúe un dos elementos máis significativos da iniciativa, nun contexto especialmente complexo para o ensino superior no territorio. Esta colaboración responde ao espírito de cooperación e solidariedade académica do programa Erasmus+, garantindo que a formación en gobernanza dixital, democracia e participación cidadá chegue tamén a comunidades universitarias que afrontan graves dificultades para manter a súa actividade docente e investigadora. A súa presenza reafirma o compromiso das universidades europeas —entre elas a USC— co dereito á educación e coa construción de pontes de coñecemento por riba das fronteiras.
Resultados previstos
Entre os principais resultados previstos figuran o desenvolvemento e acreditación do novo máster, a creación de microcredenciais e módulos apilables, a elaboración de materiais de aprendizaxe dixital en aberto, actividades de reforzo de capacidades para o profesorado, e o establecemento de HUBs de Gobernanza Dixital que conectan as universidades coas administracións públicas e a sociedade civil. O proxecto estrutúrase en seis paquetes de traballo que abranguen desde a xestión e a análise de necesidades ata a diseminación e a sustentabilidade.
A participación da USC reforza a súa aposta pola transformación dixital inclusiva, a innovación educativa e a cooperación internacional no eido da gobernanza dixital.
A Facultade de Ciencias da Comunicación forma parte do proxecto europeo OpenPSM (PID2024-160337OB-I00 - Medios de comunicación públicos abertos na era da intelixencia artificial: valor público, sociedade inclusiva e innovación ecosistémica), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación (AEI) e os fondos FEDER da Unión Europea.